Cinco comisións fiscalizarán os asuntos do Pleno

As sesións plenarias celebraranse o último xoves de cada mes, ás 10.00 horas, segundo a proposta que defenderá o Goberno no pleno de organización de mañá

Xoves, 09 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Cinco comisións permanentes, tres ordinarias e dúas especiais, fiscalizarán os asuntos a debater no Pleno, segundo a proposta de funcionamento interno que defenderá mañá o grupo de goberno na sesión plenaria de organización, fixada para ás 10.00 horas. Xunto ás dúas especiais ás que obriga a normativa –a Comisión Especial de Contas, na que se incluirán asuntos relativos á área de Desenvolvemento Económico, Protección da Comunidade e Concello e Cidadanía, e a de Suxestións e Reclamacións-créanse tres comisións ordinarias: de Desenvolvemento Sostible e Persoal; de Benestar, Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua; e de Medio Rural, Infraestructuras  e Deportes. 

Todas as comisións terán 9 membros: a Alcaldesa, dous representantes do Grupo Municipal Socialista, dous do Popular, e un de BNG, Lugonovo, Ciudadanos e ACE. A periodicidade será polo menos mensual, aínda que a propia comisión será a que fixe na súa primeira reunión a data e hora da celebración. 

Por outra banda, segundo a proposta de Alcaldía, as sesión ordinarias do Pleno terán lugar o último xoves de mes, ás 10.00 horas, data e horario fixados froito do diálogo co resto de grupos políticos. En canto aos tempos de intervención, será unha cuestión que se abordará na Xunta de Portavoces a vindeira semana.

Noticias relacionadas