Ofrecerá mañá, ás 20:00 horas, no Vello Cárcere a terceira conferencia do ciclo organizado polo Concello con motivo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural
A terceira conferencia das xornadas Desenterrar o Pasado. Un Percorrido pola Arqueoloxía de Lugo organizadas polo Concello con motivo da conmemoración neste 2018 do Ano Europeo do Patrimonio Cultural correrá a cargo de Covadonga Carreño, a xefa do servizo municipal de Arqueoloxía recentemente xubilada, que abordará A Configuración da Cidade Romana. A Peatonalización do casco histórico. A ponencia estará deste xeito centrada no cambio total da imaxe do casco vello a partir de 1997, a raíz da aprobación do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior (PEPRI). O incremento da actividade rehabilitadora e reformadora tanto de iniciativa pública como da privada afectou ao subsolo, o que permitiu coñecer a trama urbanística da cidade romana.
A conferencia de Carreño terá lugar mañá, ás 20:00 horas, no auditorio do Vello Cárcere. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo, de 137 prazas.
Covadonga Carreño, arqueóloga do Concello de Lugo durante 30 anos, dirixiu dende 1987 numerosas intervencións arqueolóxicas na cidade, ademais de participar en moitos congresos e seminarios, e publicar e colaborar en publicacións de varios libros e numerosos artigos relacionados cos restos arqueolóxicos da cidade. Entre outras moitas achegas, colaborou na redacción da posposta de inscrición da Muralla na lista de bens Patrimonio da Humanidade.
O ciclo Desenterrar o Pasado. Un Percorrido pola Arqueoloxía de Lugo permite desenvolver un foro de análise e de diálogo entre os profesionais do sector (arqueólogos, xestores patrimoniais e guías) e a cidadanía en xeral no que se pon en valor o traballo desenvolto no referente á recuperación do importante patrimonio arqueolóxico que atesoura a cidade.
Tras a conferencia de mañá, o ciclo continuará coa seguinte programación:
- 22 de marzo: A Casa dos Mosaicos, por Enrique González Fernández.
- 19 de abril: A Muralla de Lugo e a Arqueoloxía, a cargo deEnrique Alcorta Irastorza.
- 24 de maio. A Domus do Mitreo, por Celso Rodríguez Cao.
- 31 de maio: As Termas Romanas de Lugo, por Francisco M. HervésRaigoso.
- 7 de xuño: O Castro da Piringalla, a cargo de Roberto Bartolomé Abraira.
- 14 de xuño: A Xestión do Patrimonio Arqueolóxico na Cidade de Lugo, por Enrique González Fernández e Gonzalo Meijide Cameselle.