Lara Méndez asina un decreto que garante que as empresas que prestan servizos no Concello non teñan que recorrer a despedimentos

A alcaldesa de Lugo comunicou hoxe que se manterán inalteradas as prestacións recíprocas entre as concesionarias e Concello de Lugo a pesar da crise sanitaria

A rexedora sostén que o contrario “suporía un grave prexuízo para a veciñanza e a economía local, ademais de que acrecentaría considerablemente o déficit público”

As empresas deberán manter a plena disposición dos servizos municipais os mesmos medios humanos e materiais cos que traballaban agora

Xoves, 19 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez asina un decreto que garante que as empresas que prestan servizos no Concello non teñan que recorrer a despedimentos

O Goberno de Lara Méndez manterá coas distintas empresas adxudicatarias que prestan os seus servizos no Concello de Lugo os mesmos termos de contrato que tiñan antes da adopción das medidas derivadas da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, co fin de que ningunha delas se vexa obrigada a acudir a un ERTE e, polo tanto, ao despedimento dos seus traballadores.

“Na mesma liña de apoio ás empresas e autónomos de Lugo, co obxectivo de que manteñan os seus postos de traballo - para o cal habilitamos unha partida municipal de 5 millóns de euros - tamén é a nosa vontade política que as empresas que traballan nos distintos servizos municipais non sufran coa actual situación”, avanzou a rexedora, que vén de asinar un decreto con esta finalidade.

En virtude do mesmo, todas as empresas deberán manter a plena disposición do Concello os mesmos medios humanos e materiais cos que traballaban, polo que se conservarán así, inalteradas, as prestacións recíprocas entre as partes, sen prexuízo daqueles casos nos que fose procedente unha modificación do contrato para adaptalo á nova situación.

As concesionarias dos servizos municipais e, polo tanto, os traballadores das mesmas, tamén se están a ver afectadas polo estado de alarma decretado polo Goberno central para frear a expansión do virus e o contaxio entre a poboación, así como  polas normas ditadas polo Concello ao respecto; medidas concernentes especialmente aos desprazamentos, reunións e asistencia aos respectivos centros de traballo e que teñen unha incidencia directa na vida social, pero tamén na actividade económica da cidade.

Lara Méndez sostén que para o Goberno de Lugo “non é un camiño a seguir declarar a suspensión total dos contratos xa que implicaría o despedimento de moitos traballadores, co conseguinte expediente de regulación temporal de emprego”. A rexedora di que isto suporía un grave prexuízo para a veciñanza e a economía da cidade, “pero tamén un enorme custo para as arcas públicas en concepto de pago de prestacións por desemprego, o que acrecentaría considerablemente o déficit público, cuxo control é un obxectivo que todas as entidades do sector público debemos axudar a conseguir”.

Unha parte dos contratos deberán manterse por ser esenciais, e incluso aumentar os seus medios como o servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria. Neste caso, asevera a alcaldesa, “as empresas deberán continuar coa execución das súas prestacións como regra xeral, adoptando as medidas correspondentes impostas polas autoridades sanitarias, acatando a normativa estatal, a autonómica e as medidas específicas deste Concello ditadas ao efecto”.

Pero tamén hai adxudicatarias municipais que poden soportar incidencias como o descenso da demanda de usuarios e unha certa imposibilidade de execución nestes momentos ou unha diminución gradual da necesidade, “porén a evolución da situación de crise, imprevisible, pode conlevar a adoptar medidas nas que a resposta inmediata dos actuais prestadores municipais resultaría imprescindible, aínda que fose puntualmente”, aclarou.

Por isto, o Concello cre necesario o mantemento máximo do emprego nas adxudicatarias nunha situación similar á da atención dos servizos polos traballadores públicos municipais, garantindo a plena dispoñibilidade dos diferentes contratistas para posibles eventualidades que puidera resultar necesario atender de xeito inmediato e nos termos pactados orixinariamente.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o decreto de contratación | Descargar mp3

Noticias relacionadas