Carmen Basadre vén de participar nunha xuntanza de traballo do Foro Termal do Eixo Atlántico, onde se decidiu elaborar dita publicación, que estará lista a finais de ano. Repartiranse 60.000 exemplares tanto en hoteis, balnearios e oficinas de turismo
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, vén de participar nunha xuntanza de traballo do Foro Termal do Eixo Atlántico, en constitución co obxecto de impulsar a promoción termal da Eurorrexión, dado o potencial turístico que este recurso natural posúe.
Na reunión, que tivo lugar no Auditorio Municipal de Caldas de Reis, acordouse levar a cabo accións para a promoción de hábitos biosaudables, a investigación en colaboración coas universidades, a promoción conxunta dos destinos termais, captación de recursos de financiamento con programas e planos europeos ou a formación e visibilidade dos recursos propios, tanto termais como históricos e patrimoniais. En concreto, durante a reunión decidiuse elaborar unha guía do termalismo da Eurorrexión, que estará lista a finais de ano. Esta acción levarase a cabo a través dunha comisión presidida polo concello de Ourense. Repartiranse uns 60.000 exemplares destas guías en hoteis, balnearios e oficinas de turismo.
Entre outras accións, porase en marcha tamén un Club da Auga, co obxectivo de favorecer a compra de augas de excelencia da Eurorrexión, así como ofertas termais e promocións das cidades. A Eurocidade Chaves-Verín será a encargada de presidir a comisión que xestionará esta actividade.
Vaise elaborar tamén un inventario das necesidades do termalismo, que serán trasladadas aos gobernos rexionais, nacionais e a Unión Europea. O concello de Caldas de Reis presidirá esta terceira comisión.
Durante a reunión acordouse tamén a organización dun Seminario de Intercambio de Experiencias, que aborde o estado do termalismo na Eurorrexión e as medidas para impulsalo, así como estudar as posibilidades de financiamento comunitarias para algunhas destas actividades.
As cidades participantes acordaron que o presidente do Foro Termal sexa Nuno Vaz, alcalde do concello portugués de Chaves.
Por último, tamén se acordou que o foro estea integrados unicamente por concellos termales, se ben o sector privado participará por invitación dos alcaldes
Esta rede termal ten como misión desenvolver unha estratexia conxunta de divulgación, promoción e posta en valor do termalismo e a cultura e patrimonio termal da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ao que se sumará a promoción do intercambio de boas prácticas e a participación conxunta en proxectos e iniciativas de todo tipo.