O Concello de Lugo implanta de novo o teletraballo en prol da protección da saúde do persoal municipal

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, asinaba esta mañá un decreto para regular e garantir o normal funcionamento dos servizos aínda que se presten de forma telemática

Ao igual que aconteceu durante o anterior Estado de Alarma, outros departamentos como Benestar, Rexistro, Padrón, Cemiterio, Policía Local ou Bombeiros seguirán desenvolvendo a súa actividade de forma presencial

Xoves, 29 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo implanta de novo o teletraballo en prol da protección da saúde do persoal municipal

O persoal do Concello de Lugo regresará, a partir do luns, ao teletraballo.

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, asinaba esta mañá un decreto regulando a prestación de servizos baixo esta modalidade para que os empregados públicos poidan exercer as súas funcións dende os domicilios particulares, protexendo a súa saúde ao tempo que se garante o normal funcionamento da administración local en todos os seus ámbitos de actuación.

A decisión do equipo de goberno chega logo de que se rexistraran varios casos positivos de Covid en diferentes dependencias municipais.

“Trala detección destes contaxios e, tendo en conta a evolución que está a seguir a pandemia na cidade, pareceunos oportuno e mesmo aconsellable implantar de novo o sistema de teletraballo co fin de compatibilizar a salvagarda do persoal coa actividade prestacional á cidadanía. De xeito que só continuarán no seu posto os efectivos daquelas áreas que teñen que desenvolver un labor eminentemente presencial como pode ser o caso de Benestar Social, Fogar do Transeúnte, Rexistro, Cemiterio, Policía Local ou Bombeiros”, explicou a titular de Recursos Humanos.

Alvarellos Fondo indicou tamén que nas vindeiras horas os xefes de cada servizo procederán a organizar o réxime de traballo con respecto aos turnos, á flexibilidade da xornada, etc, conforme á realidade dos seus departamentos.

“Tenderase a facilitar a conciliación cando existan menores de 12 anos ao cargo, ou maiores dependentes, e se terá unha especial sensibilidade no caso de mulleres embarazadas ou daqueles empregados con maior risco de infección por motivos de saúde”, subliñou.

A edil sinalou igualmente que todas as persoas que se acollan ao teletraballo deberán estar, iso si, dispoñibles durante a súa xornada laboral para atender as necesidades do servizo cando sexa requirido, co obxectivo de que se manteña a operativade do Concello en todo momento.

“A vixencia do presente decreto, ditado ao abeiro das competencias en materia de función pública e que terá carácter temporal de conformidade coas indicacións que vaian xurdindo das autoridades sanitarias e laborais competentes, se manterá en tanto dure a situación de Estado de Alarma, prorrogándose no caso que se considere axeitado en función do devir da crise sanitaria e con independencia do cese de tal situación”, concluíu a concelleira.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a implantación de novo, do teletraballo, no Concello | Descargar mp3

Noticias relacionadas