O Concello garante a transparencia facilitando semanalmente á oposición todos os contratos menores

Os grupos políticos disporán dun espazo habilitado no servizo de Actas para consultar toda a documentación

O Goberno local aumentou o nivel de esixencia establecida pola propia Lei para a tramitación dos contratos menores en aras da transparencia da xestión municipal

Venres, 14 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Nunha nova mostra de transparencia, o Concello facilitará semanalmente á oposición todos os contratos menores tramitados pola administración local, segundo informou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto. Deste xeito, os grupos políticos disporán dun espazo habilitado no servizo de Actas para consultar a documentación que requiran e precisen unha vez á semana, de 10.00 a 14.00 horas. Tras apartar aos políticos das Mesas de Contratación por ser órganos estritamente técnicos que resolven en función de criterios obxectivos e avaliables tecnicamente, o Goberno local decidiu substituír as Xuntas de Compras pola consulta semanal dos documentos, garantindo deste xeito a información e a total transparencia da xestión municipal.

O Goberno local aumentou o nivel de esixencia establecido pola propia Lei de Contratos do Sector Público. Para os contratos de obras por importe de ata 2.000 euros e de servizos e subministros por un máximo de 6.000, o Concello tramita proposta e memoria; e no caso de contratos de obras de entre 6.000 e 50.000 euros e servizos e subministros de entre 2.000 e 18.000, requírese proposta, memoria e tres orzamentos, cando a Lei permite, en todos estes casos, adxudicalos directamente a calquera empresa con capacidade de obrar e que conte coa habilitación profesional necesaria para realizar a prestación do servizo.

Esta medida súmase a outras de acceso á información xa adoptadas. Deste xeito, os 5 grupos da oposición poden consultar os asuntos tratados na Xunta de Goberno os xoves, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Co fin de axilizar o labor da oposición e non entorpecer o traballo do persoal do departamento de Actas, habilitouse unha mesa do servizo para a consulta. Pola súa banda, os decretos asinados poderán ser consultados de xeito informático, como ata o de agora. Polo que respecta ao resto de información, seguiranse as canles establecidos no Regulamento Orgánico de Funcionamento (ROF).

Ademais, os grupos terán toda a información sobre os asuntos abordados nas Mesas de Contratación –das que deixaron de formar parte os políticos- ao día seguinte de celebrarse.

Noticias relacionadas