O fondo Lugo Transforma avalía captar dúas empresas foráneas e apoiar a expansión dunha firma local cun financiamento de 1 M €

A alcaldesa presidiu hoxe o cuarto Comité de Investimentos da estratexia, que ten por obxectivo atraer empresas innovadoras e crear emprego de calidade na cidade.

Lara Méndez destacou que as tres propostas “pertencentes a sectores moi distintos, comparten un carácter vangardista, aliñado coa transformación que está a seguir Lugo”.

Venres, 24 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O fondo Lugo Transforma avalía captar dúas empresas foráneas e apoiar a expansión dunha firma local cun financiamento de 1 M €

A alcaldesa lucense, Lara Méndez, presidiu hoxe o cuarto Comité de Investimentos do Lugo Transforma. Un fondo de capital risco, eminentemente municipal, que se enmarca na estratexia impulsada pola rexedora durante a pandemia para pular pola reindustrialización do municipio e pola creación de emprego estable e de calidade.

Á sesión celebrada esta mañá e que tivo lugar na sede de Leite Río - factoría que tamén participa con capital privado no fondo - concorreron tres novos proxectos innovadores que optan ao apoio económico municipal para incrementar a súa proxección e que, de estimarse, suporían, conxuntamente, un investimento de 1 millón euros e a creación de 80 postos de traballo nos vindeiros 5 anos.

Das tres empresas, unha ten xa o seu domicilio social en Lugo e as outras dúas foron constituídas en Santiago de Compostela e Barcelona, coa previsión de implantarse na cidade das Murallas para poder entrar no fondo inversor. Todas cumpren os requisitos necesarios e comparten un marcado carácter vangardista.

En canto ao sectores aos que pertencen, totalmente diferentes entre si – segundo avanzou Méndez, unha das empresas ten como obxecto o acompañamento aos departamentos de recursos humanos na análise e atención do benestar psicolóxico; outra céntrase na fabricación de alimentos avogando pola sostibilidade e a economía circular e, a terceira é un marketplace de aluguer de maquinaria industrial e de construción.

A rexedora destacou o “talento emprendedor das propostas presentadas, todas elas aliñadas co modelo de transformación vangardista que segue a cidade dende 2015 e no que levamos traballando 8 anos para que Lugo resulte atractivo como destino do asentamento empresarial e isto sexa sinónimo de oportunidades laborais para a nosa mocidade”.

“A cada paso, a estratexia demostra, coa súa consolidación, a capacidade que ten para converter a Lugo nun referente da captación de empresas punteiras no seu sector como son as xa integradas - LexDigo, Innogando, InVerbis, Techaway e Boldest - que xuntas crearán en torno a 190 postos de traballo directo. Unha cifra que seguirá aumentando ao tempo que tamén prospera e crece a nosa cidade”, concluíu a alcaldesa de Lugo.

Estratexia Lugo Transforma

Ata a data, lévanse presentado un total 75 proxectos ao fondo Lugo Transforma, dos que 12 se atopan actualmente en análise, cun investimento materializado de 1.710.000 euros nas seis incorporacións xa efectivas.

Para iso, mobilizou un investimento histórico de 12 millóns de euros de recursos municipais co obxectivo de fomentar a transformación económica, e no que participan cun millón de euros máis as empresas Lence, Norvento Enerxía, Grupo El Progreso, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, e Dmanán, así como Torsa Capital, que é, ademais, a xestora do fondo inversor.

Noticias relacionadas