O Goberno de Lara Méndez dá un novo paso na dixitalización do pequeno comercio con formación gratuíta en márketing dixital

Desenvolvemento Local impulsa esta medida na estratexia ‘AbrindoLugo.online’ para optimizar o uso das redes sociais e facilitar a comunicación co cliente de cara a reapertura dos locais comerciais

 O curso desenvolverase on line a vindeira semana e ensinará sobre as plataformas de venda, a creación de contidos e a xestión do Social Media Márketing

Os interesados poderán inscribirse en http://enrede.live e recibirán un email de confirmación e o link á plataforma a través da que se impartirá a formación

Sábado, 02 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez dá un novo paso na dixitalización do pequeno comercio con formación gratuíta en márketing dixital

O Executivo de Lara Méndez, a través da Área de Desenvolvemento Local e Emprego, dá un novo paso no seu impulso de apoio á dixitalización do comercio local e das pequenas empresas de Lugo para que saian reforzados da actual situación de confinamento.

“Se algo se está a ver nesta pandemia é que este é un dos camiños que debemos potenciar para estar mellor preparados para facilitar a reapertura dos negocios pero tamén ante os novos hábitos de consumo como a compra por Internet”, sostén a alcaldesa, quen enmarca a medida na estratexia ‘AbrindoLugo.online’ que se puxo en marcha na crise con distintas medidas para os autónomos e pemes, como a web Abrindo Lugo ou o asesoramento gratuíto e titorías individualizadas con expertos”.

Deste xeito, o Concello porá en marcha a vindeira semana un curso en liña, totalmente de balde, que contará cun total de 10 horas de formación en márketing dixital, redes sociais e comunicación online. Celebrarase dende o luns 4 ao venres, 8 de maio, en horario de 18:30 a 20:30 horas, e o prazo de inscrición xa se atopa aberto a través do seguinte enlace: http://enrede.live

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, explica que o obxectivo deste novo curso é optimizar a presenza do pequeno comercio lucense nas redes sociais, Facebook e Instagram, apoiándose nas ferramentas que ofrecen estas plataformas para a venda online, a xestión de citas previas,  ou a difusión de contido e facilitar a comunicación co cliente a través de WhatsApp e Mailchimp, para desenvolver unha campaña de email márketing cos clientes.

Deste xeito, a formación online divídese en 8 módulos nos que o comerciante explorará diferentes aspectos, desde como publicar un post en redes sociais, ata como mandar unha mensaxe por WhatsApp, para que o cliente poida finalizar unha compra.

As persoas que se inscriban recibirán un correo de confirmación no que se lles facilitará o enlace de acceso á plataforma, a través da que será impartida a formación, sen necesidade de realizar ningunha configuración nin instalación previa.

O curso parte da necesidade actual do pequeno comercio de establecer un sistema de contacto efectivo cos seus clientes, independentemente de se o establecemento físico permanece aberto, para a venda dos seus produtos, sen necesidade de facer un desembolso económico forte, nin ter que adaptarse á xestión dunha plataforma de comercio online, co investimento en tempo e diñeiro que iso conleva.

Así, a formación abarcará os seguintes ámbitos:

Social Media Márketing

  • Daranse a coñecer os fundamentos do márketing básico e como se adaptan á contorna dixital, definindo obxectivos e establecendo un plan de márketing efectivo. Explicaranse as plataformas de márketing en redes sociais que se empregarán ao longo da formación e a súa correcta configuración.

Creando contido que venda

  • Neste segundo módulo abordarase como crear publicacións nas diferentes plataformas que axuden a conseguir os obxectivos establecidos na anterior sesión. Detallaranse os diferentes tipos de formatos para estas publicacións, desde a creación dun post, elección de fotografías, etiquetas, vídeos, etc.; así como ideas á hora de publicar.

Plataformas de venda

  • Mostraranse as posibilidades que ofrece ter unha boa ficha en Google My Business, e o correcto uso dos perfís de Facebook e Instagram, que permiten a venda directa dos produtos.

Comunicación

  • No módulo final explicarase como empregar ferramentas de email márketing como  Mailchimp ou WhatsApp para manterse en contacto directo cos clientes e poder establecer estratexias de comunicación sinxelas.

Todos estes módulos están enfocados a que o pequeno comercio aproveite as opcións que teñen a man para desenvolver unha estratexia efectiva de venda  online, sen depender exclusivamente dun sistema de venda directa, como pode ser unha tenda online propia, ou xestionar unha plataforma de venda online.

Noticias relacionadas