O Pleno aproba solicitar a declaración de Espazo de Interese Local do humidal das Gándaras para mellorar a súa protección e uso social

O Concello impulsa este recoñecemento no marco do proxecto Life Lugo+Biodinámico, que sitúa á cidade na vangarda do desenvolvemento urbano sostible e introduce un novo modelo produtivo en Galicia baseado na madeira como material estrutural de construción

Xoves, 28 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Pleno da Corporación municipal de Lugo aprobou este xoves por unanimidade solicitar á Xunta a declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) do humidal das Gándaras-O Ceao co fin de mellorar a protección ambiental e o uso social desta xoia natural. Será o segundo espazo recoñecido como ENIL da provincia, xunto co de Loio Ruxidoira, en Paradela.

O Concello promove este recoñecemento dun dos grandes patrimonios naturais do municipio no marco da implantación do Life Lugo+Biodinámico, unha estratexia financiada con fondos europeos que lidera o Concello e conta como socios colaboradores coa Deputación de Lugo e as universidades de Santiago e Politécnica de Madrid. Este proxecto sitúa a Lugo na vangarda do desenvolvemento urbano sostible e introduce un novo modelo produtivo en Galicia baseado na madeira como material estrutural de construción.

Despois dos labores de recuperación do humidal acometidas no marco deste programa nos últimos meses, agora o Concello solicita a declaración como ENIL para logo, unha vez obtida, desenvolver un Plan de Conservación e Uso Público deste espazo.

Esta medida forma parte do proxecto Life Lugo+Biodinámico, unha estratexia a través da que se creou xa un novo pulmón verde urbano de 14has entre os polígonos das Gándaras e O Ceao coa plantación de 15.000 exemplares de 60 especies arbóreas distintas (souto de castiñeiros, frondosas autóctonas, cultivos enerxéticos e arboretum galego); construirase o primeiro edificio público de Galicia con madeira galega, que é a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España, na Garaballa; e crearase un catálogo de solucións urbanas para a adaptación ao cambio climático exportable a calquera cidade de Europa.

Noticias relacionadas