Olga López e Mauricio Repetto participan na xornada ‘Xustiza Social’ organizada pola Rede TIL, da que forma parte o Concello

Martes, 20 de febreiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Olga López e Mauricio Repetto participan na xornada ‘Xustiza Social’ organizada pola Rede TIL, da que forma parte o Concello

Os concelleiros de Benestar Social e Dinamización Económica, Olga López e Mauricio Repetto, participaron este martes no auditorio do Vello Cárcere na xornada Xustiza Social, organizada pola Rede TIL de Técnicos/as de Inserción Laboral de Lugo. Esta iniciativa tivo lugar co gallo do Día Mundial da Xustiza Social, unha efeméride que se celebra cada 20 de febreiro. Na apertura da mesma tamén participou a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

A xornada tivo como obxectivo sensibilizar e informar sobre as causas, consecuencias e solucións da explotación laboral e a trata de persoas para este fin, así como xerar un espazo de diálogo e reflexión sobre esta realidade. Neste senso, celebrouse unha mesa redonda na que participaron Rosa Mosquera, prospectora de Ecos do Sur; Cristina Puigdengolas, avogada e coordinadora xurídica da Área de Muller e Loita Contra a Trata en Diaconía España; e José Manuel Sánchez, xefe da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Comandancia de Lugo.

Olga López subliñou que “a loita contra a explotación laboral é esencial para construír unha sociedade xusta e equitativa”, neste senso puxo en valor o papel das asociacións e colectivos que axudan a combater este fenómeno, “pois entre todos debemos asegurar unhas condicións dignas, salarios xustos e o respecto á dignidade humana no ámbito laboral”.d

Pola súa parte, Mauricio Repetto lembrou que “o Concello de Lugo forma parte da Rede TIL co fin de coñecer as necesidades e buscar posibles solucións á problemática observada no entorno laboral da área lucense e os seus colectivos. Así mesmo, “contamos cun servizo propio de Orientación Laboral a través do que ofrecemos atención personalizada a todas aquelas persoas que demanden información sobre oportunidades laborais e formación para facilitar o seu acceso ao mercado de traballo”, lembrou.

Multimedia

  • Olga López e Mauricio Repetto participan na xornada ‘Xustiza Social’ organizada pola Rede TIL, da que forma parte o Concello

Noticias relacionadas