O Goberno porá en marcha en outubro 2 novos cursos de atención sociosanitaria, que mellorarán a inserción de 30 persoas desempregadas

Cada curso, que se desenvolverá no Espazo Lab, conta con 618 horas formativas, das que 120 serán prácticas e 18 de formación transversal. É imprescindible estar desempregado e anotado nas Oficinas de Emprego

O esforzo do Goberno amósase na inversión social para emprego, 4 proxectos de máis dun millón de euros nos dous últimos meses, entre estes cursos, os obradoiros TIC-Arqueolóxico e Lugo Cóidate e o Empregalia

Luns, 04 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lugo porá en marcha dous novos cursos enmarcados dentro do programada de Accións Formativas dirixidas prioritariamente a desempregados na comunidade autónoma de Galicia (AFD), subvencionados pola Consellería de Economía,  Emprego e Industira. Trátase das accións formativas de Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio, que formarán a 30 persoas, e que á finalización do mesmo recibirán un certificado de profesionalidade, unha ferramenta útil á hora de buscar emprego.

Así o avanzou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico,  Ana Prieto, quen explicou que se trata de dous cursos englobadas nun sector, que a día de hoxe e debido ao envellecemento da poboación luguesa, constitúe un nicho de emprego emerxente.

Cada curso conta con 618 horas formativas, das que 120 serán prácticas en empresas luguesas e 18 de formación transversal sobre inserción laboral, medio ambiente e corresponsabilidade familiar, así como sobre a igualdade entre mulleres e homes. Con estas actividades, que contan con 15 prazas cada unha, ademais favorécese ás persoas que teñen máis dificultades para acceder ao mercado laboral. Comezarán, previsiblemente, a mediados de outubro e desenvolveranse ata abril nas instalacións do Espazo Lab. O requisito imprescindible para as persoas interesadas é estar desempregado e anotado nas Oficinas de Emprego, xa que serán eles os que fagan a primeira selección.

En materia de emprego, o equipo de Lara Méndez vén demostrando coas súas accións que a política está para dar resposta ás demandas da veciñanza, a pesar de que, como ocorre no caso de emprego, o Concello non teña as competencias. O esforzo do Goberno amósase na inversión social para emprego, 4 proxectos de máis dun millón de euros nos dous últimos meses, entre estes cursos, os obradoiros TIC-Arquolóxico e Lugo Cóidate, cun importe de 135.000 euros que ofrecerá formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas, e o Empregalia, de 645.000 euros, para proporcionar á mocidade de Lugo formación en sectores con maiores perspectivas de crecemento económico e de emprego no municipio.

"Todo isto é froito dunha planificación e traballo exhaustivo do Goberno que trata de captar a maior cantidade de investimentos para crear emprego no municipio", aseverou Prieto.

Audio

Noticias relacionadas