Un cento de actividades para gozar do Nadal en Lugo

Carmen Basadre presentou a programación organizada polo Concello, que ofrece teatro, actuacións musicais, obradoiros, excursións, maxia, monicreques ou baile para todos os públicos e por toda a cidade dende esta tarde e ata o 31 de xaneiro

Xoves, 10 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación do programa de actividades para o Nadal 2015/2016

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este xoves no Salón de Plenos a programación para todos os públicos que o Concello de Lugo organiza durante o Nadal 2015-2016. “Trátase dun variado catálogo dun cento actividades, dende teatro, actuacións musicais, obradoiros, excursións, maxia, títeres ou baile, entre outros; para que cada lucense ou visitante poida escoller a alternativa que máis lle guste”, subliñou Basadre. Coa organización dalgunha destas actividades o Concello continúa a dar resposta ás peticións veciñais nos Orzamentos Participativos.

A Concelleira tamén fixo fincapé no esforzo e traballo do Concello para que nestas datas todos os veciños e veciñas poidan gozar de actividades alternativas de lecer para todas as idades, ao tempo que destacou as numerosas actividades que se reparten por toda a cidade dende esta tarde e ata o 31 de xaneiro.

O Gustavo Freire vive o Nadal

O Auditorio Municipal Gustavo Freire ofrece 15 alternativas dende hoxe xoves, 10 de decembro ao 8 de xaneiro. A obra teatral Maltratadas, o espectáculo musical Panorama Kids, a gala solidaria Toda a terra é dos homes e das mulleres, o VI Festival de Danza, o festival do Nadal da Milagrosa, a comedia de Ana Morgade e o ballet O Lago dos Cisnes, son algunhas das actividades que se celebrarán neste emprazamento durante decembro. Para os máis cativos, o auditorio acollerá o espectáculo musical English Pitinglish e as sesións teatrais O último dragón, Martes, A casa do avó e A miña primeira viaxe. Xa en xaneiro, actuará un coro gospel, a Banda Filharmónica de Lugo e o monologuista Javier Varela.

Actividades na rúa

Dende o 19 de decembro ao 5 de xaneiro, os lucenses e visitantes terá unha cita coa artesanía na Praza Anxo Fernández Gómez coa Feira Artenadal. Nesta mesma carpa, celebraranse obradoiros de scrapbooking, panxoliñas, artesanía, pintura e cociña dirixidos aos máis cativos da casa. Tamén haberá espectáculos de maxia, humor e monicreques.
Na rúa tamén actuarán diferentes corais e agrupacións musicais no mes de xaneiro na rúa San Marcos, Praza da Milagrosa, Sagrado Corazón, Praza do Campo, nas rúas Montero Ríos e Rafael de Vega, Montirón, Albeiros, Fontiñas, Carril das Flores, Praza da Soidade ou Praza Maior, entre outros. No que se refire a actuacións musicais, a Banda Municipal de Lugo celebrará un concerto na residencia de maiores de San Roque o 15 de decembro e na Igrexa A Nova o 18.
A partir do 26 de decembro e ata o 4 de xaneiro, o Carteiro Real recorrerá os barrios e rúas da cidade recollendo as cartas dos nenos e nenas e o día 5 terá lugar a tradicional Cabalgata de Reis, dende as18:00 horas do parque da Milagrosa.
O Concello tamén organiza unha andaina pola ribeira alta do Miño o día 20 de decembro, un paseo temático polo Camiño Primitivo, pola Muralla, ao MIHL e polos arredores da Catedral, o 26 e 27 de decembro, e o 2 e 3 de xaneiro, respectivamente.

Nadal de cristal no MIHL

Entre as novidades da programación de Nadal destaca a exposición Nadal de Cristal, unha mostra de máis de 300 adornos creados artesanalmente en cristal, dende o 17 de decembro ao 31 de xaneiro. Vinculados a esta exposición, realizaranse diferentes obradoiros de cociña, de creación de adornos e de contos.

O Nadal máis xuvenil

Para os mozos e mozas o Concello organiza un espectáculo de ilusionismo na Casa da Xuventude, unha exhibición de danza no MIHL, un rastrexo popular no Parque de Rosalía, unha andaina para buscar un tesouro polo recinto histórico e unha masterclass de humor na Casa da Xuventude.

Na Praza Horta do Seminario estará instalada unha pista de xeo e un carrusel infantil, e no Pazo de Feiras e Congresos o salón de lecer Xuvenlugo ata o 10 de xaneiro. O día 17 de decembro haberá unha xornada de portas abertas na pista de xeo, dende as 10:00 ás 14:00 horas para os centros escolares; e o día 24 de decembro e o 12 de xaneiro para o público en xeral.

O Concello, en colaboración coa área de Normalización Lingüística, enviará aos centros educativos modelos de carta aos Reis Magos e unidades didácticas.

Para os obradoiros é preciso inscribirse no servizo municipal 010 e para as andainas na Oficina de Turismo situada na Praza do Campo.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o programa de actividades para o Nadal 2015/2016 en Lugo |Descargar mp3

Máis info

Noticias relacionadas