Medio Ambiente subsana o saneamento da rúa Paxariños e corrixe o afundimento que presentaba a calzada neste punto de San Roque

A intervención, iniciada esta semana, rematará o vindeiro luns coa reposición do pavimento

Venres, 15 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente subsana o saneamento da rúa Paxariños e corrixe o afundimento que presentaba a calzada neste punto de San Roque

A concellería de Medio Ambiente subsanou esta semana o saneamento da rúa Paxariños corrixindo así o afundimento que, durante moito tempo, sufriu a calzada neste punto de San Roque.

A intervención comezaba esta semana logo de que, ademais dos danos no firme, se detectase o rumor dunha pequena corrente continua de auga que discorría a través da grella do sumidoiro.

“Tras comprobar o estado no que se atopaba a rede de abastecemento e que a brigada de aguas descartase a existencia nela dalgunha avaría, a coincidencia da súa localización coa traza do colector de saneamento fíxonos tomar a decisión de que resultaba oportuno abrir unha calicata para localizar a existencia dalgunha rotura, a pesar de que non se apreciaba cheiro a fecais na zona”, explicou Álvaro Santos.

O edil responsable de área relata que “unha vez realizada a demolición do firme, apreciouse a existencia dun canal de pedra, pertecente ao saneamento, que se atopaba lixeiramente desprazado e que estaba a filtrar auga ao terreo sendo esta a causa, problamente, do asentamento da chaira e dos danos na vía”.

O resto do operativo consistiu na apertura dunha gabia e na colocación dunha tubaxe de PVC na traza que leva o seu percorrido pola beirarrúa e un tramo da estrada así como a execución dun pozo de rexistro no cambio de dirección da rede.

“Así mesmo, realizouse a limpeza do tramo de canal augas arriba que quedou en bo estado de funcionamento e, nestes intres, o único que resta é repoñer a pavimentación estando previsto o remate destas tarefas entre a xornada de hoxe e o vindeiro luns”, concluíu Santos Ramos.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre a obra de saneamento na rúa Paxariños | Descargar mp3

Multimedia

  • Medio Ambiente subsana o saneamento da rúa Paxariños e corrixe o afundimento que presentaba a calzada neste punto de San Roque

Noticias relacionadas