Servizo de educación

O Servizo de educación do Excmo. Concello de Lugo atópase ubicado no terceiro andar do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra (r/ Quiroga Ballesteros s/n). Nesta oficina municipal desempéñanse as funcións técnicas, pedagóxicas e administrativas necesarias para o desenvolvemento de todas as actividades que se levan a cabo, realizándose programas que cobren tanto as activades transversais como extraescolares dos centros de educación infantil e primaria, así como secundaria do Concello de Lugo. Así mesmo, como competencia lexislativa propia do municipio, é responsabilidade desta dependencia a conservación, mantemento e vixilancia dos centros educativos públicos de infantil e primaria.

As actividades que se desenvolven son as seguintes:

Bolsas escolares para material educativo

Teñen como obxecto a concesión de subvencións a familias con escasos recursos para a adquisición de libros de texto e material educativo para Educación Infantil, para alumnas e alumnos matriculados en centros sostidos con fondos públicos e empadroadas no termo municipal de Lugo.

A axuda consiste nun bono de 80€ de desconto para cambiar nas librerías do Concello de Lugo.

Programa "Unha escola aberta"

O Servizo de educación, consciente da necesidade de adecuar as prestacións da escola pública á diversidade de demandas dos cidadáns, tentou atopar solucións eficaces á problemática que supón para moitas familias a atención dos seus fillos menores na hora do almorzo tanto nos centros escolares con xornada partida como con xornada única, configurándose así o programa denominado “Unha escola aberta”.

O seu obxectivo é o de responder ás necesidades familiares derivadas da non coincidencia entre os horarios escolares e os laborais, como medida de conciliación familiar e laboral, garantindo a atención das nenas e nenas con actividades encamiñadas ao fomento da creatividade, a autonomía e o interese por coñecer e desfrutar do seu entorno. “Unha escola aberta" cobre a prestación de servizos de protección e vixilancia e, de almorzo e xantar aos escolares dos centros educativos públicos do Concello de Lugo, durante o curso escolar. Ten encomendada a prestación de actividades escolares complementarias, servizo de apoio ao comedor e apertura de polideportivos.
Os seus destinatarios son as nenas e nenos do 2º Ciclo de Educación Infantil e Educación Primaria dos centros escolares públicos con servizo de comedor.

Festival do Día das Letras Galegas e fin de actividades

O o 17 de maio, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e como festa de fin das actividades extraescolares, o servizo de Educación celebra cada ano un festival co alumnado participante nestas actividades durante o curso escolar.
As actividades que se realizan son o festival de danzas e gaitas, patinaxe en diferentes modalidades e o torneo de xadrez.

Programa "Xadrez para tod@s"

Ensinar a pensar por conta propia é un dos piares que orientan o proceso educativo, analizando os problemas a partires do desenvolvemento e a potencialización das capacidades innatas do ser humano. O xadrez, ademais do contido lúdico, abrangue amplos aspectos psicosomáticos de estimulación para o desempeño de todas as actividades que desenvolvemos, de aí que sexa medio e recurso ideal para incentivar o pensamento intuitivo controlado ao mesmo tempo pola lóxica, a aprendizaxe de habilidades, a responsabilidade e o respecto mutuo, así como o desenvolvemento de esquemas do razoamento creativo.

O Servizo de educación do Concello de Lugo, tendo en conta esta valoración, realiza unha serie de actividades ao longo de todo o curso escolar centradas no xadrez. Nelas non só se implica á comunidade educativa, senón tamén a toda a sociedade lucense:

  • Circuíto de Xadrez camiño do Scacorum
  • Scacorum e baúl viaxeiro (con biblioteca itinerante)
  • Viaxe pola historia do xadrez
  • Escola de xadrez
  • Verán lúdico

Os obxectivos principais deste programa son os de potenciar capacidades intelectuais e sociais a través do xadrez, crear espazos para actividades familiares, fomentar actividades culturais educativas nos barrios da cidade, fomentar a convivencia dos máis novos e fomentar os hábitos saudables.
O xadrez, como actividade extraescolar, está destinado ao alumnado dos centros escolares públicos e o resto de programación está dirixida a toda a poboación interesada en aprender e perfeccionar o xogo do xadrez.

Programa "Hortos escolares"

"Hortos na escola" comezou a realizarse hai 11 anos como programa experimental, levándose a cabo en centros educativos do Concello de Lugo. Na actualidade trátase dunha actividade asentada en 12 centros educativos e 4 escolas infantís (coa previsión de incrementar para o curso 2012-13 un centro educativo máis). O programa iníciase en xaneiro e finaliza en maio, pretendendo achegar o alumnado ao ámbito natural, formando parte dos ciclos naturais e intervindo nestes directa e activamente.

O horto escolar é fonte inestimable de recursos, permitindo abordar unha serie de contidos encamiñados ao desenvolvemento das capacidades dos nenos. Trátase dunha experiencia que axuda a desenvolver a socialización e o traballo en equipo organizado e secuenciado, favorecendo a valoración do propio esforzo e a súa relación co aprecio aos produtos conseguidos.

Ademais, xera situacións que posibilitan o traballo da lateralidade, a orientación espazo-temporal, motricidade fina, exploración cos sentidos, desenvolvemento de estratexias de investigación, observación de seres vivos e, interrelación de conceptos de diversas áreas.

O horto é un marco idóneo para traballar as liñas transversais, especialmente a educación ambiental, con temas como o consumo, a alimentación ou a saúde, xuntándose a cultura escolar-científica e a vida cotiá; a través desta experiencia facilítanse aprendizaxes útiles para o desenvolvemento social dos nenos dentro e fóra do marco educativo.

Este programa foi recoñecido no ano 2010 como experiencia innovadora a nivel europeo pola Asociación Internacional de Cidades Educadoras, incluíndoa dentro do seu Banco Internacional de Documentos.

Programa "Vivir xuntos, convivir"

O obxectivo de aprender a convivir forma parte de todo proceso educativo. Un dos fins fundamentais da educación consiste na adquisición de actitudes e coñecementos que nos permitan progresar individual e colectivamente, en harmónica relación duns con outros e co medio no que vivimos. A educación en valores, o traballo sobre dereitos humanos e dereitos do neno e o adestramento como solución alternativa de conflitos (negociación e mediación) configúranse como unha vía poderosa para avanzar no rexeitamento da violencia e nas vías de solución pacífica de conflitos. 

O punto inicial da experiencia "Vivir xuntos, convivir" é abordar a redefinición da nosa relación co conflito; fronte á súa visión negativa e pesimista queremos desenvolver unha visión positiva que o sitúe como o que realmente é, un proceso natural, necesario e potencial para as persoas e os grupos sociais.

Os ámbitos de intervención da experiencia son os centros educativos do Concello de Lugo, sendo os seus destinatarios o profesorado, alumnado e familias das nenas e nenos de educación infantil, primaria e secundaria.

O programa está aberto a diferentes entidades e colectivos xa que, unha das premisas da acción educativa no noso concello é a súa apertura á participación cidadá, tanto para beneficiarse da experiencia como para que poidan prestar o seu apoio e colaboración. A súa finalidade é ofrecer aos seus participantes a posibilidade de adquirir formación, reflexionar e traballar xuntos sobre os diferentes aspectos que inflúen na aparición e resolución de conflitos; para iso formúlanse dous itinerarios de desenvolvemento, de educación afectiva e relacións interpersoais e, de resolución de conflitos e non violencia, organizando diferentes actividades formativas e de apoio.

Este programa foi recoñecido no ano 2010 como experiencia innovadora a nivel europeo pola Asociación Internacional de Cidades Educadoras, incluíndoa dentro do seu Banco Internacional de Documentos.

Teatro Grecolatino

Trátase dunha actividade consistente na asistencia a representacións de obras de teatro clásicas, levadas a escena por asociacións de teatro de institutos de diferentes provincias. O Servizo de educación cubre os gastos derivados das entradas e máis dos libros para que os institutos de Lugo asistan ao festival que, de forma anual, organiza a "Sociedade Española de Estudios Clásicos".

Os seus obxectivos principais son os de ofrecer a posibilidade de que o alumnado dos centros públicos de Lugo se acheguen ás obras do teatro clásico e, relacionar o contido das representacións e a temática coa programación das materias de latín, grego, cultura clásica e Historia.

Certame de contos e relatos curtos Trapero Pardo

Este Certame creouse en homenaxe ao periodista e escritor lucense Xosé Trapero Pardo, quen foi cronista oficial de Lugo.

O seu obxectivo é o de contribuír a fomentar a creatividade literaria entre os escolares e estudantes lucenses, xunto co fomento da lectura e escritura en lingua galega. Establécense dúas categorías: de 12 a 14 anos e, de 15 a18 anos, con diversidade de premios para cada unha delas.
Neste ano 2015 celébrase a súa XXI edición.

Consello escolar municipal

É un órgano de consulta e asesoramento creado polo Concello de Lugo para promover a participación cidadá na programación e a xestión do ensino e aquelas cuestións relacionadas coas competencias municipais en materia educativa.

Nel están representadas as federacións de nais e pais de alumnos, sindicatos, alumnado, centros públicos, privados e concertados, Consellería de Educación e persoal municipal. A súa presidencia correspóndelle á concelleira ou concelleiro delegado da área de goberno na que se engloba o servizo de Educación.

Directorio