Concerto de OPUS 5: Alex Sipiagin, Seamus Blake, David Kikoski, Boris Kozlov e Donald Edwards dentro do XXIII Festival de Jazz de Lugo

12/11/2013

21:30 horas
Venda de entradas na caseta do Festival (fronte ao Círculo das Artes)
Entrada 10 € / Abono para os cinco concertos 40 €
Entradas 20% desconto en ibercaja.es
 
Probablemente Opus 5 é un dos máis formidables grupos xurdidos na escena do jazz moderno en Nova York. Estamos diante dunha cooperativa musical chea de empatía entre os seus integrantes e cun discurso ao ronsel do quinteto preeléctrico de Miles Davis e os Jazz Messengers de Art Blakey. A maiores, tódolos membros deste poderoso colectivo estiveron, nun momento ou outro, nas filas da Mingus Big Band e tocaron xuntos en diferentes formacións e gravacións ao longo dos anos. En definitiva convertéronse nunha familia ben avida que finalmente sacou ao mercado dous traballos polo selo Criss Cross, Introducing Opus 5 no 2011 e, un ano máis tarde, Pentasonic con música orixinal deste radiante all stars co que chegan ao festival.
 
Alex Sipiagin (Yaroslavl, Rusia, 1967) instálase ao principio dos 90 en Nova York. Traballa co sexteto de Dave Holland e no 1998 estréase con Images. Dos seus traballos en solitario destaca Generations: Dedicated To Woody Shaw (2010), unha das súas primeiras influencias musicais. Seamus Blake (Londres, 1970) colabora con músicos como Victor Lewis, Billy Drummond e John Scofield. En 1993 estréase como solista para Criss Cross con The Call e é colíder do grupo Bloomdaddies con Chris Cheek. David Kikoski (Nova Jersey, 1961) traballou na Woody Herman Alumni Band e é destacable o seu encontro con Roy Haynes co que colabora ao longo de quince anos. Ten predilección por formacións en trío co cal desenvolveu carreira xunto a baixistas como Avishai Cohen, James Genus e John Patitucci, e baterías como Billy Hart, Victor Lewis ou Jeff Watts. Entre as súas numerosas gravacións, destaca un directo do 2010, Live at Smalls. Boris Kozlov (Moscú, 1967) traballou con Benny Golson, Michel Petrucciani, Toshiko Akioshi ou Jimmy Cobb. Dende 1995 está presente na escena de Nova York e a partir de 1998 é o baixista titular da Mingus Big Band. Donald Edwards (Louisiana, 1966) iníciase na escena musical de Nova Orleáns a ritmo de hip hop, R&B, funk, gospel e jazz, xénero no que foi reclamado por artistas destacados como Freddie Hubbard, Terence Blanchard, Donald Harrison e Wynton Marsalis.
 
•    Seamus Blake: saxo tenor
•    Alex Sipiagin: trompeta
•    Dave Kikoski: piano
•    Boris Kozlov: contrabaixo
•    Donald Edwards: batería

Multimedia