O Arde Lvcvs 2024 contará con oito postos para a promoción e difusión de empresas interesadas na Rúa Quiroga Ballesteros

A finalidade é crear un novo espazo de recreación histórica dentro da festividade, que semelle as vías de mercado que existían na antiga Roma.

“Detectamos un interese crecente por parte das empresas por poder ter presenza nesta cita de proxección internacional, de aí esta innovadora iniciativa”, destacou Jorge Bustos.

O prezo de saída de cada parcela, de 3x2 metros cadrados, é de 1.000 euros e o prazo de presentación de ofertas xa se atopa aberto ata o vindeiro 24 de maio.

Así mesmo, Bustos informou que nos vindeiros días se publicarán os adxudicatarios dos 18 postos do Macellvm da Praza Maior que se atopaban vacantes e que o Concello ofertou.

Venres, 03 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Arde Lvcvs 2024 contará con oito postos para a promoción e difusión de empresas interesadas na Rúa Quiroga Ballesteros

O Executivo de Paula Alvarellos porá a disposición de empresas interesadas oito postos na rúa Quiroga Ballesteros para a promoción e difusión dos seus productos ou servizos durante a celebración do Arde Lvcvs 2024. O edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, informou este venres da apertura do procedemento de licitación para a autorización da instalación destes postos, que deberán ter unha estética acorde coa época histórica na que transcorre a festa.

“Dentro do intenso traballo para reforzar a colaboración público-privada no marco do Arde Lvcvs que levamos a cabo ao longo dos últimos meses, detectamos un interese crecente por parte das empresas por poder ter presenza nesta festa. Esta intención de promocionar a súa marca no contexto dun evento de proxección internacional levounos a responder cunha iniciativa innovadora, que sen dúbida vai enriquecer a variada oferta de Arde Lvcvs á vez que axuda a dinamizar o tecido produtivo e fai máis sostible nosa festa”, sinalou o edil de Xuventude, Jorge Bustos.

O prezo de saída de cada parcela, de 3x2 m2, é de 1.000 euros e o prazo de presentación de ofertas xa se atopa aberto, trala publicación do anuncio de licitación no perfil do contratante aloxado na Plataforma de Contratación do Sector Público, ata o vindeiro 24 de abril.

A finalidade deste procedemento é crear, así mesmo, un novo espazo de recreación histórica dentro da festa de Arde Lucus, que semellen as vías de mercado que existían na antiga Roma froito da expansión comercial, cando se crearon as agrupacións profesionais de mercaderes, que ademais da venda de productos, utilizaban estas vías para pechar negocios.

Nestes postos as empresas interesadas poderán publicitar productos e/ou servicios como viños, cervexas, embutidos, aceite, libros, servizos de enxeñería, arte, escultura e todos aqueles que encaixen dentro da recreación histórica.

As paradas poderán iniciar o montaxe o día 13 de xuño e comezarán a súa actividade o día 14 ao mediodía manténdose en funcionamento ata o 16 de xuño pola noite cando procederán á súa desmontaxe.

Macellvm na Praza Maior

Por outra banda, Jorge Bustos avanzou que o procedemento para a adxudicación dos 18 postos de venda de mercadorías no Macellvm da Praza Maior que se atopaban vacantes e que o Concello puxo a disposición das persoas interesadas, atópase a piques de finalizar. “Nos vindeiros días publicaranse os adxudicatarios, recibimos un importante número de solicitudes que foron avaliadas e que nos permitirán cubrir todos os stands dispoñibles”.

Bustos, explicou que “en 2022 aprobamos a normativa para acceder a estes postos, xerando un gran interese entre as e os comerciantes, ofrecéndolles a oportunidade de renovar a autorización de uso anualmente por un período máximo de catro anos”.

“En total son 57 os espazos que dende o Concello poñemos a diposición das persoas interesadas, dos cales 39 xa se atopaban ocupados e os restantes 18 son os que agora se van a adxudicar”, subliñou Bustos. A autorización da ocupación terá vixencia durante o Arde Lucus 2024 prorrogable por un ano máis.

Noticias relacionadas