O fondo emprendedor Lugo Transforma capta a unha startup tecnolóxica en pleno proceso de expansión por Europa

A compañía Boldest, dedicada á creación de experiencias dixitais para turismo e comunicación corporativa, recibirá un investimento de 360.000 €.

A previsión da firma, de orixe coruñesa, é sextuplicar nos próximos catro anos o seu cadro de persoal contratando 31 persoas con perfís cualificados en desenvolvemento de software, marketing dixital e vendas.

A súa implantación na cidade, onde xa dispón de sede na rúa Montero Ríos,  contribuirá a situar ao municipio como polo de atracción de empresas vangardistas e innovadoras.

O xestor de Torsa, Jesús Torres, enxalzou a valía do Lugo Transforma “xa que, no contexto actual, este apoio económico é ouro para a viabilidade de proxectos empresariais”.

Venres, 17 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O fondo emprendedor Lugo Transforma capta a unha startup tecnolóxica en pleno proceso de expansión por Europa

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou esta mañá á quinta das empresas que recibirá financiamento da Estratexia Lugo Transforma. Unha ambiciosa iniciativa que a rexedora puxo en marcha durante a pandemia co obxectivo de impulsar a diversificación industrial do municipio e promover a creación de emprego estable e de calidade.

Acompañada polo Conselleiro Delegado de Torsa Capital, Jesús Torres e do analista de investimento desta sociedade, Jorge Leiro,  Lara Méndez recibiu a Boldest como unha nova beneficiaria do fondo emprendedor.

“A modo de presentación, podemos dicir que esta é unha empresa capaz de definirse polo seu propio nome, xa que, suma das palabras Bold (negrita) e Destination (Destino), Boldest nace cun cometido claro de destacar destinos turísticos. Faino ademais en outono do 2020, en plena pandemia, polo que é innegable que, alén da idoneidade do acrónimo, foi un proxecto audaz e atrevido”, explicou a rexedora.

A firma, unha startup tecnolóxica, dedícase a crear experiencias dixitais relevantes, especialmente no campo da comunicación corporativa e os eventos, co obxectivo de incrementar o atractivo de contidos turísticos. Para iso favorece a adopción de novos modelos de negocio, dentro dunha cultura colaborativa, encamiñada a dar a coñecer os destinos dun xeito moderno, visual e inmediato, empregando mapas interactivos premium, nunha solución multiplataforma apta para tablets, computadoras e App’s que permite interactuar coa información en liña dun xeito áxil e intuitivo.

A mandataria lucense puxo en valor o ADN galego desta startup (que formou parte da aceleradora de proxectos Turislab), integrada por varios enxeñeiros con experiencia na creación de complexos e sofisticados portais dixitais que atoparon na imaxe cartográfica unha potente ferramenta para especializar os seus servizos e diferenciarse dos seus competidores.

”Damos, por tanto, a benvida a Boldest a este fondo Lugo Transforma,  que unha vez máis demostra as súas cualidades para atraer á cidade empresas innovadoras e á vangarda o que nos converte nun referente non só na captación de talento senón tamén na súa retención”, incidiu Méndez.

Neste sentido, a mandataria explicou que o fondo de capital municipal realizará un acompañamento financieiro á firma - que dispón xa de sede en Lugo (rúa Montero Ríos) -  de 360.000 euros.

“Un investimento que servirá para que afronte o seu desenvolvemento tecnolóxico pero que tamén contribuirá á súa expansión no estranxeiro, onde actualmente conta con presenza en Portugal, Dinamarca, Irlanda e Alemaña, favorecendo a súa consolidación internacional”.

“Igualmente, parte desta inxección económica se destinará á contratación de persoal cualificado, coa previsión, nun horizonte temporal de catro anos, de sextuplicar o seu cadro actual, composto por 5 traballadores/as, ata chegar aos 36 empregados/as en 2027, cunha incidencia especial na búsqueda de perfís en desenvolvemento de software, marketing dixital e vendas.

Pola súa parte, Xosé Manuel Feijoo, CEO;  Simón Neira, Responsable de Produto e María José Pérez, Enxeñeira Full Stack de Boldest agradeceron o apoio do Concello de Lugo e referiron que, logo dunha traxectoria de tres anos no mercado, foi o dinamismo do ecosistema emprendedor lucense e as oportunidades que ofrece o que os atraeu ao municipio.

“Da man do Lugo Transforma pretendemos acelerar o crecemento comercial da compañía e mellorar a nosa plataforma tecnolóxica, centrándonos na expansión das vendas e contribuíndo significativamente á transformación dixital do sector turístico”, apuntou Xosé Manuel Feijoo, cofundador e CEO de Boldest.

“Este financiamento é un impulso crucial que nos permitirá perfeccionar a nosa solución, ampliando o seu alcance a máis clientes e adaptando os nosos servizos ás necesidades específicas de cada sector no que operamos”, engadiu o cofundador e Xerente de Produto, Simón Neira.

Tamén neste mesmo sentido, Jesús Torres, de Torsa Capital, puxo en valor as posibilidades da empresa, “cuxos servizos destacan entre os operadores turísticos nacionais e internacionais e cunha clara vocación de transformar a maneira na que as e os viaxeiros interactúan coa información turística en liña, o que o converte nun potente axente innovador que se imbrica, perfectamente, co resto das firmas que xa forman parte do fondo de capital risco”.

A súa vez, o Conselleiro Delegado da xestora enxalzou a valía do Lugo Transforma “xa que, no contexto actual, no que o acceso á financiación bancaria é moi complicado, este apoio económico é ouro para o crecemento e a consolidación de proxectos empresariais. Precisamente, somos conscientes de que moitos proxectos quedan polo camiño porque non acadan fondos que posibiliten a súa supervivencia e viabilidade no mercado”.

Tanto Jesús Torres como a alcaldesa de Lugo aproveitaron a comparecencia para adiantar que hai xa unha sexta empresa incorporada ao Lugo Transforma, que se presentará nos vindeiros días.

“Así, lévase investido un total de 1.710.000 euros que se traducen en 40 empregos creados e a previsión de xerar 150 máis durante os próximos tres exercicios, co que ímos cumprindo os fitos acordados e con moi bos resultados até o momento”, afirmou Torres ao tempo que indicou, alén, que “ata a data se presentaron ao fondo un total de 75 proxectos dos que 12 se atopan actualmente en análise e en breve celebraremos un novo Comité de Investimentos no que se decidirán as próximas incorporacións”.

O Fondo Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo - que mobilizou 12 millóns de euros - e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanán e Torsa capital que incrementaron o fondo inversor con un millón de euros máis.

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a presentación de Boldest | Descargar mp3
  • O conselleiro delegado de Torsa Capital, Jesús Torres, sobre a presentación de Boldest | Descargar mp3
  • O cofundador e CEO de Boldest, Xosé Manuel Feijoo, sobre a presentación de Boldest | Descargar mp3

Multimedia

  • O fondo emprendedor Lugo Transforma capta a unha startup tecnolóxica en pleno proceso de expansión por Europa

Noticias relacionadas