O LIFE, proxecto sostible de Lugo, protagonista no lanzamento da plataforma internacional UrbanByNature en España

A alcaldesa, Lara Méndez, destaca o interese do encontro, “que busca solucións baseadas na natureza para deixar urbes máis sas e saudables, como estamos a facer na nosa cidade”.

O Concello compartiu a súa experiencia na loita contra o cambio climático, como o Impulso Verde e o Barrio Multiecolóxico, xunto con outras cidades galegas, lusas e irlandesas.

Venres, 26 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O LIFE, proxecto sostible de Lugo, protagonista no lanzamento da plataforma internacional UrbanByNature en España

O proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, un dos que integran a estratexia de sostibilidade posta en marcha polo Concello de Lugo no mandato pasado, base da súa segunda gran transformación, foi un dos protagonistas no lanzamento do HUB UrbanByNature en España.

Esta plataforma de carácter internacional, pertencente ao consorcio internacional Connectig Nature,  impulsa o intercambio de coñecementos e creación de capacidades que permite aos gobernos locais de todo o mundo aproveitar o potencial da natureza para un desenvolvemento urbano sostible, polo que convidaron ao Concello de Lugo a compartir o seu proxecto de urbanismo sostible, que ten entre as súas prioridades o deseño das cidades resilientes ao cambio climático con medidas de eficiencia enerxética e a madeira como elemento construtivo dos edificios sostibles.

A alcaldesa, Lara Méndez, destacou a importancia deste encontro, “no que se buscan solucións baseadas na natureza que nos permitan deixar cidades máis sas e saudables desde un punto de vista social, medioambiental e urbanístico ás vindeiras xeracións, ideas nas que estamos a basear en Lugo a nosa transformación”.

O proxecto foi presentado na sesión matinal do encontro, que tivo lugar na Coruña, na palestra centrada noPotencial das Solucións Baseadas na Natureza para promover a rexeneración urbana’, xunto con proxectos das cidades de Oporto, Madrid, Santiago de Compostela, A Coruña e Irlanda, coa colaboración das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Coimbra e Dublín.

Tralo lanzamento de varios hubs no Cáucaso, China, Brasil e Corea, chega agora a España, dende o proxecto Connecting Nature e o Concello coruñés.

A presentación do LIFE Lugo + Biodinámico fixo fincapé no avanzado estado de execución do proxecto, presentando o edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia construído integramente en madeira galega e que suporá o primeiro paso para desenvolver o futuro Barrio Multiecolóxico; o Catálogo de Solucións Urbanas Sostibles GUD-Lugo, que inclúe 51 medidas para un desenvolvemento sostible aplicables a diferentes escalas de intervención urbana e exportables a outras cidades de tamaño medio e a Calculadora de Efectos Ambientais, unha das ferramentas máis innovadoras, que pode ser de utilidade para outras cidades e proxectos de sostibilidade.

Noticias relacionadas