Os grandes obxectivos e desafíos medioambientais da UE foron abordados este venres na xornada organizada por Europe Direct Lugo

Venres, 26 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os grandes obxectivos e desafíos medioambientais da UE foron abordados este venres na xornada organizada por Europe Direct Lugo

A alcaldesa, Lara Méndez, inaugurou este venres a xornada online As claves do Pacto Verde Europeo, organizada polo centro municipal de información Europe Direct Lugo. O evento contou coa participación de tres expertos do ámbito institucional, universitario e empresarial: Juan González Mellizo, analísta político da Representación da Comisión Europea en España; Roberto Bande Ramudo, decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC; e José María de Juan Alonso, fundador de EARTH (European Alliance for Responsible Tourism and Hospitality).

Lara Méndez fixo fincapé na necesidade da implicación dos concellos e das administracións locais para acadar un dos grandes obxectivos de futuro que se marca a UE, a través do Green Deal: que Europa sexa no ano 2050 o primeiro continente climáticamente neutro do mundo. Neste senso, a rexedora explicou que o executivo lucense está a traballar de forma transversal para minimizar as emisións de CO2 e contribuír á loita contra o cambio climático.

Pola súa parte, Juan González presentou os obxectivos e áreas temáticas do Pacto Verde, así como as principais accións da Unión Europea en materia transición ecolóxica. Roberto Bande abordou o papel que pode xogar a Universidade á hora de conseguir os obxectivos do Green Deal; e, finalmente, José María de Juan explicou as estratexias, necesidades, situación, e retos da sustentabilidade en canto á actividade turística.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, foi o encargado de clausurar a xornada, animando a todos os emprendedores e persoas que estean interesadas en poñer en marcha un proxecto empresarial sostible a coñecer as posibilidades que se lles ofrecen a través do CEI Nodus, para instalarse no municipio lucense.

Noticias relacionadas