Últimos dous días para votar entre unhas 110 propostas dos Orzamentos Participativos

As veciñas e veciños interesados en participar poden facelo aínda achegándose ata o CEI-NODUS, de 10:00 a 13:00 horas, e ao Edificio de Novas Tecnoloxías, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 19:00 horas

A persoa deberá presentar o seu DNI e poderá votar ben nas propias instalacións ou cun código que se lle facilitará, a través da web loop.lugo.gal

Xoves, 15 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Mañá venres, 16 de novembro, é o último día para a votación das propostas dos Orzamentos Participativos, a terceira fase desta iniciativa de participación cidadá posta en marcha polo Goberno. En conxunto, poderase escoller entre unhas 110 propostas distintas.

As veciñas e veciños que aínda non participaran e queiran votar, poden facelo achegándose ata o CEI-NODUS, en xornada de mañá, de 10:00 a 13:00 horas, e ao Edificio de Novas Tecnoloxías, na Praza Anxo Fernández Gómez, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 19:00 horas. A persoa deberá estar censada en Lugo e ser maior de 14 anos. Ademais debe presentar o seu DNI e poderá votar ou ben nas propias instalacións ou cun código que se lle facilitará, a través da web loop.lugo.gal.

O orzamento municipal destinado a accións de orzamentos participativos é de 350.000€. Todas as propostas teñen asociado un custo, polo que se poderá votar todas as propostas que se consideren interesantes ata o límite do orzamento previsto. A medida que se vaian seleccionando propostas o custe vaise descontando do orzamento total. Ao final da fase de votación, realizarase un reconto de maneira automática e transparente dos votos de cada proposta e as máis votadas son as que o Goberno levará a cabo.

Con este proceso, o Goberno promove que a cidadanía non sexa simple observadora dos acontecementos e que se convirta en protagonista activa do que pasa no seu municipio ao tempo que mellora a comunicación entre a adminsitración e os veciños e veciñas.

Máis información en https://loop.lugo.gal/

Audio

Noticias relacionadas