Un total de 15 empresas nacidas durante o confinamento no Coworking municipal de Lugo están xa en marcha e facturando

Lara Méndez mantivo un encontro cos emprendedores, e encomiou a súa valentía “porque dar o paso nestas duras circunstancias di moito do talento que atesoura a cidade”

A alcaldesa pon en valor o traballo de formación e acompañamento destas iniciativas desenvolvido polo CEI Nodus, centro que foi semente de máis dun centenar de empresas

Ábrese o prazo de inscricións para unha nova edición do Coworking, que comezará en marzo. Os interesados poden solicitar a súa admisión en: https://bit.ly/390Bfi4

Venres, 22 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Un total de 15 empresas nacidas durante o confinamento no Coworking municipal de Lugo están xa en marcha e facturando

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, mantivo un encontro este venres cos participantes da última edición do programa Inicia Coworking. Un total de 15 proxectos emprendedores nacidos en pleno confinamento da pandemia e formados a través do acompañamento dos profesionais do CEI Nodus, conseguiron poñer en marcha as súas propias empresas e xa se atopan facturando.

Estas iniciativas, nas que a media de idade dos emprendedores é de 42 anos, representan o 70% das seleccionadas nesta edición para desenvolver a súa idea de proxecto. Trátase de novas empresas no campo do turismo, a enxeñaría, a hostalaría, a arte, a sustentabilidade e a innovación, entre outros.

Lara Méndez quixo coñecer de primeira man o avance dos proxectos e aproveitou o encontro para felicitar aos emprendedores “pola valentía que teñen demostrado, pois nun momento de gran incerteza, pola situación sanitaria e económica que atravesamos como consecuencia da pandemia, foron quen de sobrepoñerse e, con gran esforzo, iniciar o seu negocio, polo que o mérito é dobre”. “Sodes o exemplo do enorme talento que atesora a cidade”, sostivo.

Das 15 empresas xeradas, 7 están instaladas no CEI Nodus, “outro dato moi positivo, pois demostra o gran interese que xera este viveiro co que contamos no Concello, e que supón un berce para novos negocios que xeren riqueza e postos de traballo no noso municipio”, apuntou a rexedora.

Pola súa banda, os emprendedores explicaron que, pese a que por primeira vez a edición do coworking foi online debido ao confinamento, conseguiron crear unha rede de apoio entre eles e de sinerxias empresarias, que é outra dos obxectivos do Centro de Emprendimiento municipal.

Nova edición do coworking

Lara Méndez lembrou que xa se atopa aberto o prazo de inscricións para a sexta edición do programa, a través do que o Concello, en colaboración coa EOI, achega ás e aos participantes, de xeito individualizado e totalmente gratuíto, formación e acompañamento para a posta en marcha ou consolidación de novos proxectos de carácter emprendedor e innovador.

En total, ofertaranse 22 prazas e, como na anterior edición, a formación realizarase de forma online, a través da plataforma da EOI Blackboart Collaborate. Os interesados poden realizar a súa inscrición a través do enlace: https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/lugo-6a-edicion-presencia-virtual-online/admision O prazo de admisións estará aberto ata o 20 de febreiro e a formación comezará a principios de marzo.

O programa constará de 60 horas lectivas, durante as cales se formará aos participantes en ámbitos como a metodoloxía Lean-Canvas, o desenvolvemento e a validación do modelo de negocio, o plan comercial e as técnicas de venda, a oratoria, ou o plan de márketing dixital, entre outros aspectos. Ademais, contarán con titorías personalizadas que lles axudarán a materializar a súa idea de negocio.

O Inicia Coworking, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, está avalado polas súas edicións anteriores, pois xa participaron 110 persoas que puxeron en marcha máis de 60 proxectos, creándose 350 postos de traballo directos, máis os indirectos, e cun índice de supervivencia do 75% das empresas que xurdiron a raíz desta iniciativa.

Noticias relacionadas