A alcaldesa supervisa os labores de limpeza integral no barrio da Milagrosa, que reforzan os traballos de carácter ordinario

Lara Méndez lembrou que estes reforzos se manterán ata que se licite o novo contrato de limpeza e recollida de lixo, que renovará na súa totalidade ao actual.

A actuación comezou a primeira hora na Praza de Agro do Rolo e durará entre unha semana e dez días, para logo continuar no barrio de A Cheda.

Luns, 15 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa supervisa os labores de limpeza integral no barrio da Milagrosa, que reforzan os traballos de carácter ordinario

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa e edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisou hoxe o inicio dos traballos de limpeza integral na Milagrosa que levará a cabo o dispositivo posto en marcha polo executivo municipal e que se enmarca na planificación dos reforzos de limpeza en todos os barrios da cidade.

Deste xeito, os efectivos das empresas encargadas do aseo urbano, o mantemento das zonas verdes e a revisión dos parques infantís – apoiados polas brigadas municipais – unificarán os seus esforzos nesta contorna para mellorar o seu acondicionamento, sen descoidar o labor ordinario que levan a cabo diariamente.

“A actuación comezou esta mañá na praza de Agro do Rolo e as labores durarán entre unha semana e dez días, e logo continuarán no barrio de A Cheda, sostivo a rexedora, que apuntou que “estes reforzos se manterán mentres non se licita o contrato de limpeza e recollida de lixo, que renovará na súa totalidade ao actual, que foi licitado en 1996 e que despois de 20 anos xa non pode dar unha resposta adecuada ás necesidades actuais e futuras da nosa cidade”.

Será unha adxudicación por dez anos improrrogable, que contará cun investimento de 134’1 millóns de euros, o que a converte na de maior contía económica do municipio xa que suporá ao redor do 13% de cada orzamento anual. “O incremento deste investimento, que case duplica de xeito anual  ao do contrato anterior, dá conta da magnitude da necesidade que esta cidade tiña de repensar a súa limpeza e a xestión dos seus residuos”, incidiu a rexedora.

O operativo por barrio encargarase – de forma simultánea e coordinada – da roza de vías e predios municipais, da limpeza dos sumidoiros e dos colectores así como dos bancos e resto do mobiliario urbano con máquinas a presión que tamén se empregarán na eliminación de graffiti, do baldeo das rúas e perfilado do céspede; desherbaranse os camiños interiores das zonas verdes e colocarase planta con flor, alén de limpar e amañar os alcorques das árbores e de podar sebes e arbustos.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o dispositivo de limpeza da Milagrosa | Descargar mp3

Multimedia

  • A alcaldesa supervisa os labores de limpeza integral no barrio da Milagrosa, que reforzan os traballos de carácter ordinario

Noticias relacionadas