Así resume Paula Alvarellos os seus primeiros 100 días de goberno: “Escoitar, traballar e mellorar”

A rexedora fixo un balance moi postivo “porque mesmo os aspectos negativos resultan ser un aprendizaxe proveitoso”.

Alvarellos Fondo agradeceu ao funcionariado a súa implicación e destacou “a súa vontade propositiva para converter as dificultades que xorden na xestión diaria en solucións en beneficio de toda a cidadanía”.

Desde a súa chegada á Alcaldía puxéronse a dispor do ADIF os terreos para comezar a obra da Intermodal, iniciose a cesión de terreos para a nova comisaria da Policía Nacional, regularizouse a situación das terrazas e avnzouse no modelo de xestión do auditorio.

Ademias, neste primeiro trimestre de ano se resolveron máis de 400 licenzas e títulos habilitantes que promoveron un volume de negocio estimado na cidade de 22 millóns de euros.

Venres, 26 de abril de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Así resume Paula Alvarellos os seus primeiros 100 días de goberno: “Escoitar, traballar e mellorar”

O pasado 18 de xaneiro, Paula Alvarellos tomaba posesión como alcaldesa de Lugo, logo de catro anos e medio como concelleira nos que exerceu responsabilidades en diferentes áreas.

Mañá, cúmprense 100 días dende este nomeamento e a rexedora quere trasladar unha mensaxe de agradecemento aos empregados e empregadas municipais, nomeadamente ás e aos xefes de servizo, “pola súa dedicación, implicación e apoio nestes tres meses para trasladarme con rigor o estado de situación dos asuntos que dependen directamente da área de Alcaldía e aos que dediquei este tempo para afondar no seu coñecemento co obxectivo de abordalos co máximo rigor. Quero poñer en valor, ademais, a capacidade de traballo do funcionariado pero, especialmente, a súa vontade propositiva para converter as dificultades que xorden na xestión diaria en solucións en beneficio de toda a cidadanía”.

Paula Alvarellos cualificou estes cen días como “un aprendizaxe permanente, nos que procurei compaxinar a xestión municipal coa necesidade de atender os compromisos institucionais. Un proceso no que aínda me atopo, debido ao denso tecido social que posúe a cidade – ao que quero recibir na súa totalidade - e co que teño o empeño de manter sempre unha atención constante. Escoitar, traballar e mellorar: ese é o meu compromiso”, sinalou a alcaldesa.

Un obxectivo non exento de dificultades xa que, só no primeiro mes, tivo que afrontar, entre outros retos a renovación de postos cruciais para o Concello como son a Secretaría e a Intervención municipais.

Ademais, como titular da área de Planificación de Cidade, unha das primeiras decisións que adoptou a rexedora foi nomear a un Director Xeral de Urbanismo no que delegou boa parte da tramitación administrativa deste departamento. “Así, só neste primeiro trimestre de ano se resolveron máis de 400 licenzas e títulos habilitantes que promoveron un volume de negocio estimado na cidade de 22 millóns de euros”.

“Neste tempo tamén puxemos a disposición de Adif os terreos necesarios para que puidera comezar a construción da Estación Intermodal e iniciamos o proceso para ceder ao Ministerio de Interior os terreos nos que se construirá a nova Comisaría da Policía Nacional de Lugo, se aprobou inicialmente o proxecto para atallar as crecidas do río Rato na Rotonda de Serra de Meira e se avanzou nas negociacións que nos permitirán eliminar tres tapóns urbanísticos na capital, entre outros procedementos de planeamento que se están abordando”.

Alvarellos Fondo destacou dúas frontes de traballo: o funcionamento interno e a xestión pública, “aínda que unha revirte directamente sobre a outra”, matizou.

“Na primeira delas ocupa un lugar prioritario para nós atender as demandas do persoal municipal e cubrir e dotar dos recursos necesarios os departamentos que agora mesmo están asumindo unha sobrecarga de traballo precisamente porque precisan dun maior número de efectivos, pero tamén podo anunciar xa que estamos abordando con rigor a senda de constrinximento no gasto, tratando de rendibilizar ao máximo os recursos económicos dos que dispoñemos e prescindindo de todo aquelo que non quedou programado nos Orzamentos. O 2024 debe ser un ano de moderación en prol da estabilidade presupostaria”, afirmou.

Nesta mesma liña a rexedora sinalou que o Executivo quere optimizar o funcionamento das prestacións (exemplo disto son as novas licitacións do SAF- que alcanza os 34 millóns de euros – e do Xantar no Fogar que ronda o medio millón), atendendo sempre a todas aquelas que demandas que nos trasladan os diferentes colectivos “aos que se atende dun xeito permanente e directo, pero sempre procurando que as medidas que se adopten sexan ecuánimes e alcancen a conciliación de intereses, esa é a premisa fundamental: tratarei de ser sempre xusta, respectando os dereitos de todos e todas”, engadiu.

Exemplo desta escoita e atención permanente son, por exemplo, o proceso regulador de terrazas que xa se constata nas rúas, a minoración da ampliación de horarios para a hostalaría durante as festividades locais en prol da convivencia, ou as modificacións que se foron incorporando ás obras de peonalización do Centro Histórico, sempre que as propostas tiveron non só viabilidade técnica senón tamén encaixe nos proxectos aprobados.

Noutros asuntos de relevancia para o municipio o Goberno de Paula Alvarellos foi dando pasos tamén como no que ten que ver coa posta en marcha do Auditorio ou a elaboración das Ordenanzas de Terrazas e de Circulación, “documentos complexos que se están redactando contando coa opinión do persoal técnico de todas as áreas implicadas para acadar que a normativa sexa o máis garantista posible e que, unha vez finalizados, se darán a coñecer ao tecido social para que poidan realizar as súas achegas”.

A alcaldesa, que cualifica este primeiro trimestre de xestión como “positivo, porque mesmo os aspectos negativos resultan ser un aprendizaxe proveitoso, lamentou, en cambio, a actitude da oposición “máis preocupada por enlamar – ao fiel estilo do que xa estamos a vivir tamén a nivel nacional – que por buscar solucións efectivas ás necesidades reais da poboación”.

Alvarellos Fondo se pregunta qué tipo de intereses defende o Partido Popular cando propón iniciativas como que sexa a cidadanía lucense a que sufrague as prospeccións arqueolóxicas en parcelas privadas para comprobar se nelas se pode construír, e pretende seguir cargando ao peto dos e das lucenses competencias impropias (SAF, comedores escolares, atención temperá, saúde mental, políticas de conciliación, etc) que a Administración Autonómica debería asumir, por ser da súa titularidade, ou tan sequera cofinanciar en maior medida para non afogar aos Concellos con elas.

“Por desgraza non nos sorprende esta dobre vara de medir que empregan tamén cando o que toca é reclamarlle a Xunta o desbloqueo dos asuntos municipais cruciais como a zona de baño pública o Museo da Romanización ou o investimento en infraestruturas viarias. A súa última gran actuación foi a de non apoiar que se lle pida sequera poñerlle o nome de Plácido Vila ao centro de saúde da Milagrosa, nunha auténtica demostración de que o PP de Lugo nunca dará un paso pola sociedade lucense que contraveña as directrices do Goberno do señor Rueda”, concluíu Paula Alvarellos.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, fai balance sobre os  primeiros 100 días | Descargar mp3

Noticias relacionadas