A concellería de Benestar, Cáritas e Cruz Vermella organizan unha mesa redonda para analizar a situación das persoas sen fogar

Terá lugar este venres, 4 de novembro, das 12.00 ás 14.00 horas, no salón de actos do centro Uxío Novoneyra. A entrada é libre ata completar aforo.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez inaugurará o encontro sobre a realidade das persoas sen fogar, ás que atende o Concello no Fogar do Transeúnte.

O Goberno de Lara Méndez destina preto de 90.000 para dar cobertura ás persoas sen fogar a través de diversos programas e accións dos que se encarga Cáritas e Cruz Vermella.

Mércores, 02 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Benestar, Cáritas e Cruz Vermella organizan unha mesa redonda para analizar a situación das persoas sen fogar

O Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, que lidera Olga López, xunto ás entidades sociais Cáritas de Lugo e Cruz Vermella Lugo organizan unha mesa redonda con motivo do Día das Persoas Sen Fogar. Baixo o título de "Análise da situación das persoas sen fogar", esta actividade busca, por unha banda, visibilizar a vulnerabiliade que viven estas persoas, e por outra, facer un chamamento para que todas as persoas poidan acceder aos seus dereitos sociais e non sufrir exclusión nin desconexión.

Durante o 2021, o albergue municipal acolleu a un total de 1.201 persoas, 1.011 homes e 190 mulleres, cunha media de ocupación de 100 usuarios/as ao mes, datos que apuntaba a rexedora lucense ao tempo que destacaba que “este exercicio incrementamos en torno a un 15% os fondos de atención das persoas sen fogar que se atopan na cidade, destinando preto de 90.000 para dar cobertura ás persoas sen fogar a través de diversos programas e accións dos que se encarga Cáritas e Cruz Vermella”.

Nesta liña, puxo de manifesto o convenio do Concello con Cruz Vermella para o Programa Sen Teito, que no que vai de ano atendeu a 300 persoas. A través de dito convenio, o Concello cede un piso destinado á acollida temporal de persoas sen fogar. Tanto para os programas vinculados á xestión do piso como para o proxecto de actuacións específicas de transeúntes, o Goberno de Lara Méndez destina preto de 80.000 euros. Do mesmo xeito, o Concello apoia con 9.000 euros a cobertura de necesidades básicas a persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade social a través de Cáritas de Lugo.

Pola súa banda, a edil fixo fincapé na importancia do traballo en rede para atallar a realidade das persoas sen fogar e para que funcione un sistema de inclusión e protección, co que dar cobertura ás necesidades das persoas que non teñen fogar. Lembrando que poñemos á disposición da cidadanía o Fogar do Transeúnte, que dispón de preto de 30 prazas, e que rexistrou no que vai de ano 3.206 pernoitas.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez inaugurará a mesa, moderada pola concelleira Olga López, na que participarán Emilia Vázquez Rozas, Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, Doutora en Economía e autora do "Estudo sobre Senfogarisno Feminino e Violencia de Xénero en Galicia"; Francisco Lorenzo Gilsanz, Doutor en Socioloxía, Diplomado en Traballo Social e Director da Área de Acción Social de Cáritas Española e Joaquín Varela Rivera, Licenciado en Dereito e coordinador autonómico de Cruz Vermella.

A mesa terá lugar este venres, 4 de novembro, das 12.00 ás 14.00 horas, no salón de actos do centro de convivencia Uxío Novoneyra. A entrada é libre ata completar aforo.

Noticias relacionadas