A concellería de Xuventude abre as inscricións dos cursos de reparación de móbiles e seguridade cibernética

A actividade, que é gratuíta, desenvolverase do 20 de maio ao 2 de xullo. A mesma está dirixida a lucenses de 18 a 35 anos de idade.

Mauricio Repetto anima á participación “porque é unha oportunidade para favorecer a inclusión no mercado laboral dos máis mozos”.

A iniciativa enmárcase nas accións do Concello de Lugo para previr que a xuventude se enganche no consumo de drogas dándolle alternativas de ocio e de formación.

Xoves, 21 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Xuventude abre as inscricións dos cursos de reparación de móbiles e seguridade cibernética

O goberno de Lara Méndez, a través do Servizo de Prevención de Drododependencias e outras adiccións, adscrito á concellería de Xuventude que dirixe Mauricio Repetto, abre á mocidade lucense o prazo de inscrición do curso de reparación de móbiles e seguridade cibernética.

A actividade é gratuíta e inclúe 15 prazas. Os cursos impartiranse Casa da Xuventude os venres e sábados do 20 de maio ao 2 de xullo. “Convidamos á mocidade de 18 a 35 anos a que se inscriban porque é unha oportunidade para favorecer a súa inclusión no mercado laboral”, explicou o edil, quen incidiu que esta iniciativa se enmarca “nas accións que estamos a por en marcha para previr que a xuventude entre no consumo das distintas drogas dándolles alternativas de ocio e de formación”.

As clases, que imparte Micromedia Informática e Comunicacións, abarca un total de 60 horas, Inclúe formación en conceptos de electrónica básica de utilidade en teléfonos móbiles, ferramentas para a reparación de ‘smartphones’, montaxe e desmontaxe de dispositivos, errores de software, avarías nos aparellos e seguridade en navegadores e redes sociais.

O curso desenvolverase o 20, 21, 27 e 28 de maio e o 3, 4, 10, 11, 17, 18, 24, 25 de xuño e 1 e 2 de xullo. Os venres, en horario de 16.30 horas a 20.00 horas, e os sábados de 10.00 horas a 13.30 horas, na Casa da Xuventude.

A inscrición, que se realizará a través da web lugomasxti.org, será por rigurosa orde e ata cubrir prazas. Terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Lugo.

Noticias relacionadas