Concello de Lugo e CONFEMAC reivindican o Día dos Dereitos Humanos

Venres, 09 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello de Lugo e CONFEMAC reivindican o Día dos Dereitos Humanos

Con motivo do Día dos Dereitos Humanos, que se conmemora o 10 de decembro, o Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, que dirixe Olga López Racamonde, pon en marcha unha campaña, xunto a CONFEMAC, coa que expresar que as persoas maiores teñen os mesmos dereitos que en calquera outra idade, pero que se vulneran con máis frecuencia.

Baixo o lema "Dereito a envellecer sentíndote vivo, sentíndote viva", esta acción pon o foco nas propias persoas maiores, para que fagan respetar os seus dereitos, que son os memsos que os do resto da cidadanía: dereito á liberdade, a un trato digno, a amar e ser amadas, a tomar as súas propias decisións, a manter o control dos seus bens, a relacionarse con quen queiran, a participar na súa contorna, a xestionar o seu tempo libre, a seguir formándose, a coidar da súa saúde, a viaxar onde queira, a utilizar o seu diñeiro como crean oportuno, a que se dirixan a elas e non á persoa acompañante, a participar nas decisións, a reclamar, a unha vida libre de violencia, á intimidade, etc. Para elo, a Concellería instalará carteis en distintos puntos da cidade a través de mobiliario urbano,ademais de difundilos nas redes sociais e nos centros de convivencia municipais.

Esta é a última de oito campañas, que no marco do lema "Persoas maiores, cos mesmos dereitos", puxo en marcha CONFEMAC, xunto a municipios de todo o territorio nacional. Xunto con esta data, conmemorouse o Día da Solidariedade Interxeracional o Día Mundial de Internet, o Día Mundial da Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato na Vellez, o Día dos Avós/avoas, o Día Mundial do Alzhéimer, o Día Internacional das Persoas Maiores e o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Noticias relacionadas