Lugo lidera unha revolución cara o desenvolvemento urbano sostible e un novo modelo productivo baseado na madeira galega co plan Life

A Alcaldesa presentou o edificio Impulso Verde, unha das accións centrais da estratexia europea Life Lugo+Biodinámico impulsada polo Concello, nun encontro con representantes do sector galego forestal e da madeira, colexios profesionais e Universidade

Impulso Verde será o 1º edificio público de Galicia construído con madeira galega e abastecerase só de enerxías limpas. Situado na Garaballa, nace coa vocación de ser un referente na aplicación de modelos construtivos sostibles, alternativos aos convencionais, baseados no aceiro e o formigón armado

Será ademais a semente do 1º barrio multiecolóxico de España, no que ademais de edificios con  madeira como elemento estrutural de construción, aplicaranse as solucións de deseño urbano recollidas no que será o primeiro catálogo en Europa de medidas urbanísticas para a adaptación ao cambio climático que se está a elaborar, tamén dentro do Life

Esta estratexia, na que o Concello conta como socios colaboradores coa Deputación e as universidades de Santiago e Politécnica de Madrid, é peza central no modelo de cidade do Goberno, que une de maneira indisoluble o urbanismo e a sostibilidade

Martes, 20 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo lidera unha revolución cara o desenvolvemento urbano sostible e un novo modelo productivo baseado na madeira galega co plan Life

A Alcaldesa, Lara Méndez, presentou este martes nun encontro con representantes do sector galego forestal e da madeira, colexios profesionais, Universidade e medios de comunicación celebrado no salón de actos do CEI Nouds o proxecto Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia construído con madeira galega e a semente do que será o primeiro barrio multiecolóxico de España. O Concello de Lugo lidera deste xeito “unha auténtica revolución no modelo de construción urbana e no modelo productivo do noso país, baseada no mellor que temos, os nosos recursos naturais”, subliñou a Alcaldesa. E faino a través do proxecto europeo Life Lugo+Biodinámico, no que conta como socios colaboradores coa Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid (UPM).

Impulso Verde é unha das accións centrais incluídas neste “ambicioso e innovador proxecto, que sitúa á nosa cidade na vangarda do desenvolvemento urbanístico sostible e da economía verde”, asegurou a Alcaldesa na presentación, á que asistiron o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro; o Deputado provincial de Relacións Institucionais, Álvaro Santos; Luis Ruiz, profesor da Escola Técnica de Enxeñería Agronómica, Alimentaria e de Biosistemas da Universidade Politécnica de Madrid e coordinador das accións do Life na UPM; Manuel Guaita, catedrático do departamento de Enxeñería Forestal da Universidade de Santiago, director da Plataforma de Madeira Estrutural (PEMADE), e director do equipo técnico autor do proxecto Impulso Verde; e Belén Feijóo Lombao, técnico superior de apoio á investigación do departamento de Enxeñería Agroforestal da USC e integrante do equipo autor do proxecto.

Desenvolvemento urbanistico sostible

O edificio Impulso Verde estará construído integramente de madeira galega e abastecerase só de enerxías limpas, isto é, neutro en termos de carbono. “Impulsámolo coa vocación de que sirva de modelo constructivo para futuras actuacións, promovidas tanto dende o sector público como dende o privado, tanto en Lugo, como en calquera lugar de España, de Europa ou do mundo”, explicou Lara Méndez. Terá un uso público e actividade permanente, pois nel funcionarán servizos municipais, ademais de un espazo coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático, zona expositiva e aula de formación. Situarase na zona da Garaballa, entre os polígonos industriais do Ceao e as Gándaras, en fronte á área comercial As Termas.

Este proxecto “marcará un punto de inflexión na construcción, que contribuirá de maneira decisiva a un cambio de paradigma constructivo cara modelos sostibles, respectuosos co medio ambiente, alternativos aos convencionais, que son altamente contaminantes e de baixa eficiencia enerxética, pois están baseados fundamentalmente nas tecnoloxías do aceiro e o formigón armado”, explicou a rexedora.

Impulso Verde é tamén a semente do primeiro barrio multiecolóxico de España, “que proxectamos para dotar de gran capacidade de adaptación e resiliencia ás contornas urbanas, pola súa capacidade de replicación e evolución no tempo”, apunto Méndez. Neste barrio multiecolóxico, ademais de edificios con  madeira como elemento estrutural de construción, aplicaranse as solucións de deseño urbano recollidas no que será o primeiro catálogo en Europa de medidas para a adaptación ao cambio climático que se está a elaborar, tamén dentro do Life Lugo+Biodinámico. As solucións de deseño urbano van dende a recollida de auga de choiva para a súa reutilización, por exemplo no rego das zonas verdes, ata a implantación dun sistema propio de reutilización da fracción orgánica do lixo. Tamén haberá medidas de aforro enerxético coa simple orientación dos viais, zonas verdes ou edificios buscando aproveitar o sol e os ventos dominantes.

Economía Verde

Con Impulso Verde e o barrio multiecolóxico, o Concello de Lugo avanza tamén cara a introducción dun novo modelo productivo, non só para o municipio e a provincia, senón para toda Galicia, ao apostar por desenvolver o sector da segunda transformación a través da innovación e da madeira autóctona, isto é, aproveitando unha das materias primas fundamentais de Lugo e a provincia, como é a riqueza forestal. Con 3,8 millóns de toneladas extraídas en 2017, Lugo segue estando entre as provincias con maior producción de madeira de España. O 52%da superficie do concello de Lugo é agroforestal, “uns datos que poñen de manifesto a capacidade do sector de dinamizar a economía e crear emprego e, con elo, de fixar poboación, un dos grandes retos aos que nos enfrontamos”, recalcou a Alcaldesa.

Este novo modelo produtivo supón a posta en marcha dunha economía verde. “Traducirase en novos pulos para a innovación, no aproveitamento do talento galego, no impulso de novos proxectos ecolóxicos e na creación de novos postos de traballo para unha industria forestal que quere reducir de xeito significativo os riscos ambientais e a escaseza desde o punto de vista ecolóxico”, argumentou Méndez. “Por iso, Lugo será un municipio aberto ás empresas que queiran apostar por una economía social, verde, e comprometida coa cidadanía. Unha fórmula para consolidar a nosa identidade urbana e rural dentro do panorama global”, engadiu.

Características

A elaboración do proxecto Impulso Verde estivo coordinada pola parte universitaria implicada no proxecto Life Lugo+Biodinámico, baixo a dirección de Manuel Guaita e tamén do arquitecto e profesor universitario Antonio Lara.

Está baseado na experiencia investigadora da Universidade e nos resultados obtidos nas accións preparatorias, como a cuberta Grisdhell, a primera estructura do mundo feita con eucalipto globulus, un proxecto premiado recentemente no congreso da enxeñaría en madeira máis importante do mundo, celebrado en Seúl. 

Despois de valorar diversas alternativas, todas públicas e no ámbito de actuación do Life –entre os polígonos do Ceao e As Gándaras-, o Concello optou por levantar o edificio nunha parcela situada fronte á rotonda da avenida Infanta Elena que enlaza a cidade coa zona industrial pola súa situación estratéxica. Presenta tres características fundamentais: máxima visibilidade e proximidade a núcleos de poboación e actividade; centralidade no ámbito de actuación do Life, o que nos permitirá explicar o programa a partir de itinerarios con orixe no edificio e que discorran polo resto de actuacións forestais e urbanas; e accesibilidade, que se reforzará co futuro desdobramento e humanización de Infanta Elena.

Unha vez terminado o proxecto, mañá a Xunta de Goberno aprobarao para logo sacar a contratación as obras de construcción. O orzamento é de 1.040.503,30€ e o prazo de execución de 12 meses.

Impulso Verde, insignia do plan Life Lugo+Biodinámico

O edificio Impulso Verde é unha pata central do plan Life Lugo+Biodinámico, que, dotado con 3,5M€, inclúe outras accións como a creación dun novo pulmón verde urbano coa plantación de 15.000 exemplares de 60 especies arbóreas distintas entre As Gándaras e o Ceao. (souto de castiñeiros, frondosas autóctonas, cultivos enerxéticos e arboretum galego); a recuperación e posta en valor dun bosque de Ribeira; e a creación de hortos urbanos en solo e altura.

Modelo de cidade

Ao mesmo tempo, o programa Life é un dos piares do modelo de cidade que impulsa o Goberno de Lara Mendez, que une de maneira indisoluble o desenvolvemento urbanístico e o medio ambiente e a sostibilidade. O obxectivo é facer de Lugo unha cidade inclusiva, máis rica en patrimonio natural e histórico e con maior capacidade cultural e de lecer, con máis ferramentas para desenvolver todo o seu potencial económico vinculado cos recursos naturais e co patrimonio histórico-cultural, potenciando, ademais, o turismo, referente na loita contra o cambio climático en entornas urbanas, coa sostenibilidade e a mobilidade por bandeira, e na vangarda económica, propulsora dun novo modelo produtivo.

Vídeo

Multimedia

  • Lugo lidera unha revolución cara o desenvolvemento urbano sostible e un novo modelo productivo baseado na madeira galega co plan Life

Noticias relacionadas