Concello e Confederación Hidrográfica asinan un protocolo de colaboración que permitirá poñer en valor a antiga Fábrica da Luz e a súa contorna

A través deste acordo, ambas as administracións estreitan a súa colaboración para adecuar os usos do complexo para que poida converterse na sede do futuro centro enogastronómico previsto dentro do Plan de Turismo Sostible.

“A súa recuperación permitirá posicionar a Lugo como un destino enogastronómico de referencia á vez que brinda unha oportunidade única ao tecido produtivo lucense para promocionar os seus produtos”, sinalou a rexedora.

O Concello xa conta cun anteproxecto que prevé utilizar o volume central do edificio nun obradoiro onde os visitantes poderán gozar de distintas experiencias gastronómicas nunha localización paisaxística privilexiada.

Martes, 30 de abril de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Confederación Hidrográfica asinan un protocolo de colaboración que permitirá poñer en valor a antiga Fábrica da Luz e a súa contorna

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron esta mañá na Casa do Concello un protocolo de cooperación que permitirá poñer en valor a antiga Fábrica da Luz e a súa contorna, recuperando así este emblemático complexo para o uso e goce da cidadanía. A través deste acordo, o Concello de Lugo e CHMS estreitan a súa colaboración para adecuar os usos da Fábrica da Luz co obxectivo de que a dotación poida converterse na sede do futuro centro enogastronómico previsto dentro do Plan de Turismo Sostible desenvolto polo Goberno local.

“A Fábrica da Luz ten un valor estratéxico dentro do noso proxecto turístico para Lugo. A súa recuperación permitirá posicionar ao noso municipio como un destino enogastronómico de referencia que poña en valor a nosa historia e a nosa gastronomía á vez que brinda unha oportunidade única para promocionar os nosos produtos de alimentación e vinícolas, o que sen dúbida repercutirá na dinamización do tecido produtivo a nivel local. O nome de Lugo sempre estará vinculado ao da excelencia gastronómica e debemos capitalizar esa potencialidade en beneficio da nosa cidade”, sinalou a alcaldesa de Lugo Paula Alvarellos.

Neste sentido, a rexedora anunciou que o Goberno local está a abordar a redacción do proxecto para a conversión da antiga Fábrica da Luz na ribeira do río Miño nun centro de enogastronomía baixo parámetros de sustentabilidade e eficiencia enerxética.

 A proposta contempla utilizar o volume central do edificio, que conta cun amplo espazo diáfano de aproximadamente 7,5 metros de altura, nun obradoiro onde os visitantes poderán gozar de distintas experiencias que poñen en contacto o mundo do viño e a gastronomía lucense. Neste espazo principal instalaranse grandes illas circulares como espazos multifuncionais que servirán para divulgar as elaboracións tradicionais da nosa gastronomía e promover os viños da contorna.

A ambos os dous lados desta zona central, dispoñeranse mostradores que albergarán a maquinaria para a elaboración e conservación dos viños e alimentos. A intervención contempla unha serie de actuacións mediante técnicas passivhaus de arquitectura bioclimática que están encamiñadas a mellorar o illamento e a eficiencia enerxética de todo o inmoble. Ademais mellorarase a relación do interior do edificio coa súa privilexiada contorna fluvial coa instalación dunha nova carpintería exterior de altas prestacións.

Pola súa banda, o presidente da Confederación destacou a importancia de poñer ao dispor da cidadanía este espazo na contorna fluvial e resaltou a liña de colaboración entre ambas as administracións para lograr este obxectivo. “Este é o primeiro paso para darlle unha nova vida a ese patrimonio etnográfico tan importante para os lucenses na ribeira do río. Con este sinatura remarcamos a intencionalidade de colaborar de ambas administracións coa idea clara de acabar sustanciando un convenio para que o Concello de Lugo poida desenvolver aquí os seus proxectos e achegar a cidadanía ao río Miño”, concluíu Quiroga.

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre a colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil | Descargar mp3
  • O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, sobre a colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil | Descargar mp3

Multimedia

  • Concello e Confederación Hidrográfica asinan un protocolo de colaboración que permitirá poñer en valor a antiga Fábrica da Luz e a súa contorna
  • Concello e Confederación Hidrográfica asinan un protocolo de colaboración que permitirá poñer en valor a antiga Fábrica da Luz e a súa contorna
  • Concello e Confederación Hidrográfica asinan un protocolo de colaboración que permitirá poñer en valor a antiga Fábrica da Luz e a súa contorna

Noticias relacionadas