Lugo recibe máis de 220 aportacións da veciñanza aos Orzamentos Participativos

Rosana Rielo explicou que se recolleron máis de 200 propostas a través de loop.lugo.gal, que contou con ao redor de 1.200 visitas, ademais das que se presentaron no Rexistro Xeral e as que se recolleron nas xuntanzas de barrio

Entre as áreas as que se presentaron maior número de propostas están as de enxeñería, parques e xardíns, emprendemento, deportes, medio ambiente, policía local e mercados

Tras esta primeira fase, terá lugar unha segunda de avaliación da viabilidade destas propostas, por parte dun equipo técnico municipal. A continuación, haberá unha terceira fase, a de votación das propostas

Martes, 11 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, fixo balance este martes da primeira fase, a recollida de propostas, dos Orzamentos Participativos, que puxo en marcha o equipo de Lara Méndez coa finalidade de que a cidadanía erga a man e tome a palabra, para decidir en que investir unha partida de 350.000 euros dos orzamentos municipais. O Concello recibiu máis de 220 aportacións da veciñanza, o que para o Goberno supón unha experiencia enriquecedora e un balance moi positivo.

Tal e como explicou a edil, recolléronse máis de 200 propostas a través da web, loop.lugo.gal, que contou cun número moi elevado de visitas, ao redor de 1.200; ademais das que se presentaron tamén no Rexistro Xeral do Concello -unhas 20- e as que se recolleron nas catro xuntanzas de barrio que se celebraron ao longo do último mes.

Rexistráronse máis de 140 persoas usuarias, moitas delas en nome de asociacións de veciños, empresariais, deportivas e culturais. Entre as áreas as que se presentaron maior número de propostas están as de enxeñería, parques e xardíns, emprendemento, deportes, medio ambiente, policía local e mercados.

¿Cal son os seguintes pasos?

Tras esta primeira fase, terá lugar unha segunda de avaliación da viabilidade destas propostas, por parte dun equipo técnico municipal. A continuación, haberá unha terceira fase, a de votación das propostas, tecnicamente viables, que é outra forma máis de partipación, máis aló de propoñer iniciativas. Nesta fase poderán participar persoas empadroadas no Concello, maiores de 14 anos. Para votar as propostas, na web aparecerán unha e por unha, e a persoa participante, tipo carriño da compra de tendas web, procederá á votación. Por último, figura a fase de execución da actuacións que a xente decidiu e votou.

Con este proceso, o Goberno de Lugo fomenta a participación veciñal, promove que a cidadanía non sexa simple observadora dos acontecementos e que se convirta en protagonista activa do que pasa no seu municipio e mellora a comunicación entre o Concello e a veciñanza.

Audio

  • Rosana Rielo, sobre os Orzamentos Participativos | Descargar mp3

Noticias relacionadas