Medio Ambiente intensificará, baixo parámetros de benestar animal, o control da poboación de pombas na cidade

Actualmente Lugo sofre un excedente de exemplares, cunha colonia de case un millar de individuos que condiciona a convivencia cidadá.

Nos vindeiros días, técnicos especialistas, procederán a incrementar os labores ordinarios de captura en vivo, seguindo métodos autorizados, especialmente en puntos do Centro Histórico.

Mércores, 04 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente intensificará, baixo parámetros de benestar animal, o control da poboación de pombas na cidade

O Executivo de Lara Méndez, a través da área de Medio Ambiente que dirixe o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, reforzará as medidas de control de pombas co obxectivo de reducir a poboación deste tipo de aves que están asentadas na capital.

“Falamos de que, actualmente temos unha colonia integrada por preto dun milleiro de individuos que tentaremos reducir para minimizar tamén tanto as molestias que a súa masificación actual supón para a cidadanía como os danos que ocasionan ao mobiliario urbano e ás edificacións”, sinalou o edil.

Miguel Fernández deu conta de que, “seguindo as recomendacións dos técnicos e sempre baixo os parámetros de benestar animal e de respecto á conservación da fauna e á súa correcta integración na paisaxe urbana, nos próximos días intensificaremos os labores de captura en vivo, que durante todo o ano xa se realizan de modo continuo, ate acadar un asentamento de exemplares proporcionado e que favoreza a convivencia”, referiu.

O concelleiro de Medio Ambiente explicou, así, que profesionais especializados na materia procederán a colocar gaiolas provisionais nas prazas do Centro Histórico, en diferentes días, “sendo esta a práctica máis efectiva e tratándose de métodos autorizados, que en todo momento cumpren coa normativa autonómica, nos que prevalece o coidado dos animais que logo serán liberados noutros espazos máis apropiados nos que a súa supervivencia causa menores prexuízos”.

Por outra parte, Miguel Fernández aproveitou a ocasión para solicitar a colaboración da veciñanza e instou ás e aos lucenses a non alimentar ás pombas para non contribuír ao crecemento exponencial da especie nin á súa agresividade para obter comida, factores que se agravaron coa instalación e ampliación de terrazas na cidade.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre a campaña de control de pombas | Descargar mp3

Noticias relacionadas