A cidadanía lucense reciclou un 40% máis de cartón e papel en 2023

A porcentaxe de residuos plásticos tamén se incrementou nun 19% respecto ao ano 2022 mentres que os novos sistemas de recollida de textil e aceite permitiron recuperar 184.790 quilos de roupa e 19.000 de derivados vexetais.

O aumento da capacidade de reciclaxe é consecuencia do incremento dos puntos de recollida de lixo instalados pola concellería de Transición Ecolóxica grazas ás políticas de concienciación que están a calar entre a poboación.

Martes, 23 de xaneiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A cidadanía lucense reciclou un 40% máis de cartón e papel en 2023

A cidadanía lucense reciclou ao longo do pasado ano un 40% máis de cartón e papel e un 19% de residuos de orixe plástica e metálica. Este grande aumento na capacidade de reciclaxe do municipio é froito do incremento dos puntos de recollida de lixo instalados polo Executivo local ao longo de 2023 dentro da súa política de conservación da contorna ambiental. O volume de papel e cartón recollido en 2023 ascende a 1.772.400 quilos. Esta cifra supón un importante incremento de máis 500 toneladas (500.800 quilos) respecto ao ano anterior. Pola súa parte, en relación aos residuos de orixe plástica e metálica, os lucenses depositaron na rede de colectores amarelos 1.365.600 quilos, 217.700 máis que no exercicio anterior.

“Estas cifras teñen unha repercusión destacable e están directamente relacionadas co desenvolvemento das iniciativas enmarcadas na actividade do servizo municipal de limpeza Luce Lugo, como o sistema de recollida porta a porta. Estamos a falar de que cada veciño e veciña achegou ao proceso de reciclaxe 18,4 quilos de papel e cartón e 14,05 quilos de plástico. Algo que nos está a permitir que unha alta porcentaxe de material entre no ciclo de reciclaxe para contar cun novo uso”, sinalou responsable de área, Miguel Fernández.

Así mesmo, o edil destacou a implicación da veciñanza nesta causa. “Os datos que manexamos nos periodos trimestrais apuntaban hacia un incremento importante que finalmente superou as espectativas previstas. Esta progresión é un motivo de satisfación para o noso Goberno. É evidente que as iniciativas de concienciación postas en marcha dentro da nosa política de conservación da contorna incentivaron este sustancial aumento do compromiso medioambiental entre a cidadanía. Hoxe somos unha cidade máis limpa e máis sustetable”, sinalou o responsable de Trasición Ecolóxica.

Novas redes de reciclaxe

A este incremento na reciclaxe de papel e plástico súmase un notable aumento noutro tipo de residuos, como téxtiles ou aceite doméstico, froito das medidas implementadas ao longo de 2023 pola concellería de Transición Ecolóxica. A instalación de 75 puntos de recollida de roupa  traduciuse no aproveitamento de 184.790 quilos de téxtil nos últimos 12 meses. Mentres que a extensión da rede de colectores de aceite permitiu reciclar 19.000 quilos de derivados vexetais. Deste xeito, évitase que estes residuos danen o medioambiente e permiten darlles unha segunda vida. Algo que o responsable de área valorou de forma postiva ao tempo que convidou á veciñanza a seguir avanzado na conservación da nosa contorna. “O obxectivo é seguir incrementando estes datos en cada un dos trimestres deste ano”, concluíu.

Audio

  • O edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, sobre o balance do reciclaxe no 2023 | Descargar mp3

Noticias relacionadas