Executados o 80% dos proxectos dos Orzamentos Participativos

Rosana Rielo avanzou este martes que foron levadas a cabo 46 das 59 accións que contemplaba esta iniciativa. Para as 13 restantes, o Concello seguirá traballando na súa execución

Martes, 12 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo ten executados o 80% dos proxectos dos Orzamentos Participativos. Así o anunciou este martes a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, quen avanzou que foron executados 46 dos 59 proxectos, sendo o importe máximo final 496.800 dos 500.000 euros orzamentados, quedando como remanentes 3.200 euros dispoñibles para outras actuacións do Concello.  Rosana Rielo lembrou que se trata de 59 proxectos solicitados por asociacións do municipio e veciños e veciñas, que foron votados pola cidadanía para a súa realización.

Tal e como deu a coñecer a edil, a cantidade comprometida en 2015 foi duns 349.000 euros, acometéndose a maioría dos proxectos o pasado ano. “Trátase dun proxecto financiado ao 100% polo Concello, cuxa cantidade sobrante queda á disposicións das arcas municipais, posto que o Concello seguirá traballando na súa execución”, destacou a edil, quen avanzou que as propostas, tanto as que non están executadas como todas as presentadas, están a disposición dos servizos municipais para que se teñan en conta nas diferentes programacións. Así por exemplo, a idea do campamento castrexo romano permanente foi ampliada e incorporouse ao DUSI.

Por áreas, ata o momento executáronse 3 iniciativas de Benestar Social, 1 de cultura, 7 de xuventude –a totalidade-, 9 de deportes, 2 de emprendemento –a totalidade-, 4 de educación, 2 de infraestruturas, 1 de seguridade viaria –a totalidade-, 15 de medio rural, 1 de participación cidadá –a totalidade- e 1 de medio ambiente. O Concello seguirá traballando na execución das 13 actuacións pendentes.

Deste xeito, a entidade local organizou xornadas de emprendemento e acometeu a reparación do tellado da nave do parque da Milagrosa, dos locais e dos baños. Ademais, programou música nas prazas, actividades ao aire libre para nenos, deportes na rúa, multiactividades, arte ao aire libre, clases de pre-xadrez nos colexios e concertos didácticos. O concello tamén organizou competicións de tenis de mesa, de xadrez e de péntatlon e mesmo instalou novos puntos de deporte e rocódromos na cidade, ademais de substituír o valado do CEIP Luis Pimentel, adquirir o equipamento para os aparcadoiros para bicicletas, instalar pasos de peóns led con sensor de presenza ou dotar ao barrio do Sagrado Corazón de bancos públicos.

Noticias relacionadas