A Policía local moderniza a súa xestión para axilizar os fluxos de traballo

O corpo contará cunha nova plataforma integral en liña, enmarcada na estratexia Dusi e cofinanciada pola UE, que permitirá incrementar a eficacia policial en beneficio da seguridade da cidadanía.

O proceso de dixitalización de toda a Administración local posto en marcha polo executivo de Lara Méndez permite xa un aforro anual de máis de 1,6 millóns de euros.

Mércores, 09 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Policía local moderniza a súa xestión para axilizar os fluxos de traballo

A Policía local de Lugo contará cun novo sistema integral de xestión policial. O obxectivo desta nova plataforma en liña é axilizar o fluxo de traballo do corpo para lograr a maior eficacia posible en beneficio da seguridade da cidadanía. Deste xeito, o novo sistema terá repercusións directas en ámbitos tan diversos como os labores de seguridade, a organización de operativos policiais, na xestión de eventos, no tráfico ou nos atestados policiais entre outros aspectos administrativos de carácter interno. Este tipo de ferramentas de traballo, que se sitúa á vangarda do sector, estará operativa antes de final de ano, aínda que a súa instauración será progresiva xa que os axentes contarán co necesario proceso de formación. “Trátase dunha importante modernización no proceso de traballo da Policía local que ten implicacións moi diversas desde o punto de vista da eficacia policial e a seguridade cidadá e que nos permite avanzar na meta de acadar unha administración local dixital”, sinalou o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández.

Con esta nova ferramenta, o Executivo de Lara Méndez continúa co seu proceso de dixitalización de todos os servizos municipais. Fernández lembrou que o Goberno local leva máis de 8 anos traballando na gran transformación da Administración de Lugo. Esta plataforma de traballo policial, que conta coa cofinaciación do 80% dos fondos Feder da UE e se enmarca na estratexia DUSI, suporá unha transformación no fluxo de traballo policial. “Vai permitir que, dun xeito totalmente dixital e coa posibilidade de acceder en liña, a información interdepartamental sexa máis fluída e que os axentes dispoñan máis rápido da información necesaria para desenvolver os distintos labores policiais ao tempo que reduce os tempos dos traballos administrativos e abre a posibilidade de estandarizar a comunicación con outros organismos. Todo isto vai repercutir de forma directa na seguridade percibida pola veciñanza”, explicou Fernández.

Este novo sistema de xestión integral policial súmase a outras iniciativas de importante calado postas en marcha polo Executivo de Lara Méndez en prol deste obxectivo, como a instauración da Sede Electrónica en 2020, que xa permite a tramitación dixital dos expedientes municipais ou as melloras realizadas ao amparo do programa Smart City cuxo investimento supera os 4 millóns de euros e permite un aforro anual estimado en 1,6 millóns de euros ao ano, o que se traduce nun aforro neto acumulado que en 2024 superará os 8 millóns de euros.

“O noso proxecto de dixitalización fixa uns obxectivos moi altos e abarca todos os servizos do Concello. De feito apostamos por que, a curto ou medio prazo, toda a documentación que se xestiona no Concello de Lugo unicamente sexa tramitada en formato electrónico. Aspiramos, na liña de toda a nosa acción política,  a lograr a máxima sustentabilidade e a deixar o uso do papel no pasado, o que se traducirá, nun aforro económico e nunha mellora ambiental, moi acorde co modelo de cidade resiliente ante o cambio climático pola que estamos a apostar", incidiu o concelleiro.

Audio

  • O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, sobre a nova plataforma policial | Descargar mp3

Noticias relacionadas