O Concello concede un prazo imporrogable á propiedade do inmoble da rúa do Miño para que presente un proxecto de recuperación antes de intervir subsidiariamente

O expediente iniciado xa en febreiro pola área de Sostibilidade Urbana obedece a un procedemento garantista no que cómpre respectar os dereitos que amparan á titularidade da vivenda velando pola seguridade cidadá.

Martes, 11 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de conceder un prazo improrrogable á propiedade do inmoble da rúa do Miño que onte sufriu unha derruba parcial do seu tellado para que presente o proxecto de recuperación do edificio, antes de que a Administración interveña de forma subsidiaria.

O persoal técnico da área de Sostibilidade Urbana acordaba esta mañá a urxencia da medida, logo de que na inspección realizada onte a arquitecta municipal observase que o interior e a cuberta do edificio se atopan comprometidas na situación actual, aínda que nin a fachada nin as casas lindeiras corren perigo.

O voceiro do Executivo local, Miguel Fernández, lembrou hoxe que o departamento de Xestión Urbanística mantén aberto un expediente contra o titular da edificación ao que se lle trasladaron varios requirimentos para que procedese á corrección das deficiencias detectadas durante a inspección realizada polo persoal municipal ao mesmo, o pasado mes de febreiro.

“Seguindo o procedemento legal establecido, a Administración Local impúxolle xa unha multa coercitiva por importe de 1.000 euros trala cal, o dono adoptou unha serie de medidas cautelares que resultaron insuficientes, de maneira que debe actuar cunha obra de maior envergadura que garanta tanto o mantemento da vivenda en condicións axeitadas como a seguridade cidadá”, explicou o portavoz.

Miguel Fernández incidiu en que o labor de conservación corresponde ás persoas titulares dos inmobles e que, de non respectarse, implica a intervención institucional ao tempo que lembrou tamén que a duración destes procedementos garda unha estreita relación coa actitude colaborativa que amosen ao respecto e que, nalgúns casos, conleva ter que esgotar todas as vías administrativas e chegar á xudicial, como o Concello se viu obrigado a recorrer, por exemplo, no caso do inmoble número 48 da Rolda da Muralla, para poder intervir de forma subsidiaria.

Xa con relación á edificación da rúa do Moucho, a Administración ten tamén aberto un expediente pero, neste caso, a construción está a ser obxecto dun conflito sobre a súa titularidade que debe dirimirse primeiramente, antes de poder actuar.

Noticias relacionadas