Rosana Rielo interésase polo comezo dos cursos de novas tecnoloxías

En total, o Concello ofrece  25 cursos, con 323 prazas, que terán lugar na Aula CEMIT do Castiñeiro e na de María Balteira, así como no Edificio de Novas Tecnoloxías, ao longo do último semestre do ano

Venres, 13 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rosana Rielo interésase polo comezo dos cursos de novas tecnoloxías

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, visitou ás persoas participantes dun dos tres cursos gratuítos de novas tecnoloxías que arrincaron esta semana. En total, o Concello ofrece  25 cursos, con 323 prazas, que terán lugar na Aula CEMIT do Castiñeiro e na de María Balteira, así como no Edificio de Novas Tecnoloxías, ao longo do último semestre do ano. No caso da aula do Castiñeiro, as actividades están dirixidas a rapaces e rapazas de 8 a 14 anos, e no resto, para persoas maiores de 14 anos. Así mesmo, na aula do Castiñeiro as actividades serán en xornada de mañá na época estival e en setembro, e de tarde, a partir de outubro. Na de María Balteira todas serán en quenda de mañá, ao contrario que no Edificio de Novas Tecnoloxías, que serán todas ao longo da tarde.

Edición de fotografía e vídeo, creación de páxinas web e de videoxogos, robótica, comunicación a través de redes sociais -como WhatsApp, Youtube ou Instagram-, ou deseño gráfico son algunhas das alternativas desta programación, que tamén inclúe informática, tanto iniciación como nivel intermedio, trámites a través do móbil ou iniciación ao Autocad, entre outros.

O número máximo de alumnos e alumnas é de 10 ou 15, dependendo da actividade formativa, sendo o mínimo de persoas inscritas de 8 no caso de que as prazas ofertadas sexan 15, ou de 6 no caso de 10 prazas. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición no Edificio de Novas Tecnoloxías, ata as 20:00 horas do día do peche da inscrición, que é distinto para cada curso. O acceso aos cursos será por sorteo, que se celebrará ás 20:30 horas do propio día do peche da inscrición. A lista de persoas admitidas poderá consultarse no propio centro ou a través do Servizo de Información Municipal 010. Será necesario asistir a un 80% das horas pra recibir o diploma.

Noticias relacionadas