A alcaldesa Paula Alvarellos nomea a un xurista experto en urbanismo como director xeral desta área do Concello

O xurista e experto en urbanismo Hipólito Pérez será o encargado de desempeñar un traballo de coordinación dos servizos de Urbanismo, Licenzas, Arquitectura e Arqueoloxía.

“O seu perfil, cunha extensa e relevante experiencia laboral ao fronte de diferentes postos de responsabilidade, resulta máis que idónea para este labor, así que estamos moi satisfeitos de que se incorpore ao equipo”, destacou a rexedora.

Esta nova incorporación, sumada ás medidas implementadas nos últimos anos desde o Goberno local, reverteu nunha mellora substancial na tramitación situando a Lugo como a cidade galega que máis licenzas concedeu en 2023 ata o mes de agosto.

Luns, 05 de febreiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa Paula Alvarellos nomea a un xurista experto en urbanismo como director xeral desta área do Concello

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, avanzou hoxe a proposta de nomeamento do novo director xeral de Urbanismo. Logo de un rigoroso analise de distintos perfís capacitados para este posto consideouse que a persoa máis idonea para encargase de desenvolver este labor é  Hipólito Pérez, xurista licenciado en Dereito pola USC e que na actualidade leva a cabo o seu desempeño profesional como inspector da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia. “Estamos convencidos de que a dirección xeral de Urbanismo será unha gran ferramenta para impulsar e, especialmente, coordinar o traballo dunha área de importancia capital para a cidade na que se concentran os servizos de Urbanismo, Licenzas, Arquitectura e Arqueoloxía. Departamentos que, aínda que fomos dotando de recursos técnicos, humanos e normativos, como a nova Ordenanza, dispoñerán agora dun coordinador que impulsará dinámicas de traballo eficientes para seguir mellorando a engrenaxe municipal”, sinalou a rexedora en relación a este nomeamento.

Deste xeito dáse cobertura a unha praza moi habitual na xestión municipal que xa forma parte do organigrama doutras grandes cidades galegas como Vigo, Santiago ou A Coruña. Esta nova incorporación, sumada ás medidas implementadas nos últimos anos desde o Goberno local, como a cobertura de persoal, a dixitalización do sistema de tramitación ou a unificación de criterios entre os distintos departamentos, reverteu nunha mellora substancial na tramitación situando a Lugo como a cidade galega que máis licenzas concedeu no primeiros oito meses de 2023. De feito, o balance total do pasado exercicio fixa en 279 o número de licenzas aprobadas en Xunta de Goberno Local, o  que xerou un volume de negocio no municipio superior aos 51 millóns de euros o pasado ano (é necesario lembrar que non son todas as licenzas tramitadas pasan por este órgano, xa que o Concello dispón doutros métodos para conceder títulos habilitantes).

Hipólito Pérez  conta cunha dilatada experiencia dentro da administración pública. Á súa actual faceta como inspector, suma cargos de dirección noutras etapas profesionais como o de xefe de Sección Xurídica e secretaría da Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña, xefe da Unidade de Solo no Instituto Galego da Vivenda e Solo, xefe de Servizo de Ditames e Informes na Dirección Xeral de Urbanismo, Subdirector xeral de Disciplina e Informes na Dirección Xeral de Urbanismo, director da Axencia de Protección da Legalidade  Urbanística ou director de Área de Rexeneración Urbana non Concello da Coruña. “O perfil e cualificación de Pérez,  cunha extensa e relevante experiencia laboral á fronte de diferentes postos de responsabilidade resulta máis que idónea para este labor, así que estamos moi contentos de poder incorporalo ao noso equipo de Urbanismo”, sinalou a rexedora.

Ademais destas encomendas, o novo director xeral de Urbanismo do Concello de Lugo participou ao longo do seu dilata traxectoria en diferentes órganos colexiados. Deste xeito, foi  secretario da Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña, vogal da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, membro da Comisión xurídica redactora do anteproxecto de Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e participou na Comisión Asesora do Plan especial de protección e reforma interior da Cidade Vella e Peixería do Concello da Coruña.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre o novo director xeral de Urbanismo | Descargar mp3

Noticias relacionadas