A área de Medio Ambiente redobrará os servizos diarios de limpeza para o San Froilán

O Concello instalará en distintos puntos do centro da cidade 43 cabinas de aseo, 13 delas para persoas con mobilidade reducida

Venres, 27 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Medio Ambiente redobrará os servizos diarios de limpeza para o San Froilán

O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, presentaba esta mañá, en rolda de prensa, o dispositivo que o servizo de limpeza viaria e recollida de lixo porá en marcha durante o San Froilán.

O edil destacou que os técnicos municipais, en colaboración coa adxudicataria, planificaron os traballos tendo en conta a programación festiva, incidindo naquelas xornadas e espazos nas que, pola realización de espectáculos ou pola organización de actividades, se agarda unha elevada presenza de público.

“Xa nestes días previos, como vos fomos informando, intensificamos a limpeza de sumidorios e arquetas especialmente na rúa Vila de Foz, onde se instalan as casetas do polbo, en toda a zona centro e no Parque Rosalía de Castro e nas súas inmediacións onde tamén se levou a cabo un desbroce de soares. E nas próximas xornadas procederemos a efectuar un fregado de alta presión así como a eliminar os graffiti para acondicionar a cidade e que poidamos amosar a nosa mellor imaxe durante as festas patronais”, indicou Álvaro Santos.

O segundo tenente de alcaldesa sinalou que haberá reforzos nos operativos de mañá e tarde no recinto feiral e que, durante os fines de semana, habilitaranse na contorna 30 contedores máis, de quita e pon itinerantes, tanto de fracción como de vidro, incluíndo o paso dun recolector, a partir das 6 da mañá, para retirar os residuos de bares e restaurantes. Igualmente se fará un aseo especial do estacionamento do Seminario onde se desenvolve o San Froilán Miúdo.

“A nosa intención é anticiparnos ás necesidades de limpeza nas que, sabemos, van derivar os festexos, coordinando esforzos e organizando todos os recursos, materiais e humanos, que temos á nosa disposición para actuar con inmediatez naquelas partes da capital nas que se presupón haberá concentracións de xente e acumulación de residuos co obxecto de deixalas impecables o máis rapidamente posible”, subliñou Santos Ramos.

O responsable de Medio Ambiente indicou que “as brigadas empregaranse a fondo trala celebración do Milagre de San Vicente, o venres 4, na Praza do Campo; na da Soidade despois do Sanfroidance e na de Santa María logo do concerto de Def con Dos o día 5; tamén nesa xornada se acompañará ao desfile de gando con máquinas de limpeza viaria e, na misma liña, farase un baldeo de alta presión á estatua de Rosalía antes da Ofrenda Floral e teranse especialmente en conta as actuacións da orquestra París de Noia en Augas Férreas, a do Combo Dominicano na Praza Maior ou a de Don Patricio na Horta do Seminario para garantir que, unha vez finalizadas, non teñan repercusión nin para a veciñanza que vive e traballa nestas zonas nin sobre os eventos programados a continuación como poden ser a feira de antigüidades ou a medieval. E iso si, agardamos que todo quede completamente limpo e recollido durante a xornada do luns 14”.

Por outra banda, Álvaro Santos adiantou que o Concello instalará 43 wc’s portátiles, 13 deles para persoas con mobilidade reducida en distintos puntos do recinto feiral, que se limparán dúas veces ao día.

As cabinas, algunhas delas con ducha, ubicaranse nas Prazas da Soidade, Santa María, Horta do Seminario, Avilés e Santo Domingo, na Canella do Hospital, Cantiño Nemesio Cobreros, no patio do Edificio Administrativo do Concello, explanada do Pavillón, nas Costas do Parque, e nas rúas Doutor García Portela, Puro Cora, e Vila de Foz ademais de na urbanización de Garabolos, para o asentamento das caravanas-vivenda dos barraquistas.

Audio

  • O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre os servizos diarios de limpeza para o San Froilán | Descargar mp3

Noticias relacionadas