Arrinca a renovación integral das zonas infantís do Castiñeiro na que a alcaldesa deu cabida ás peticións das crianzas do barrio

O parque, que incrementa a súa superficie, ofrecerá ás e aos máis pequenos unha tirolina, rocódromo e elementos inclusivos, tamén para nenos e nenas con trastorno de espectro autista.

O recinto disporá, ademais, de espazos para a convivencia interxeracional entre os que figura a actual área de picnic, respectando as demandadas das familias.

Os traballos, que suporán un investimento municipal de 352.342 euros, terán un prazo de execución de catro meses.

Venres, 21 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arrinca a renovación integral das zonas infantís do Castiñeiro na que a alcaldesa deu cabida ás peticións das crianzas do barrio

“Un moderno e integrador recinto infantil deseñado por e para as crianzas e familias que residen no barrio”.

Nestes termos definiu a rexedora de Lugo, Lara Méndez, o novo parque que o Concello habilitará no Castiñeiro trala rexeneración que se vai levar a cabo na instalación actual.

Unha intervención que comezaba esta mesma mañá e que a alcaldesa supervisou en primeira persoa acompañada do responsable da área de Transición Ecolóxica e Impulso Rural, Miguel Fernández.

A actuación, inclúe, ademais da ampliación da área de xogos - que se incrementará en 250 m² - a creación dun novo espazo humanizado con bancos e papeleiras para a estancia dos pais e avós, “co que queremos favorecer a convivencia interxeracional, para nós moi importante. Complementará a actual superficie de picnic, que se manterá, ao igual que se manterá todo o arboredo para non perder as zonas de confort. En total, actuarase nunha área de 659 metros cadrados”, lembrou a alcaldesa.

A rexedora incidiu en que no deseño se tiveron en conta, fundamentalmente, as peticións dos e das usuarias, “de xeito que, respectando a súa vontade, as e os máis pequenos poderán gozar de tres xogos principais, entre eles dúas torres diferenciadas por idades, unha para os pequenos de ata 5 anos e outra segunda pensada para o goce de nenos e nenas de ata 12 anos, así como un rocódromo e unha tirolina”.

Estes xogos serán inclusivos, para permitir a socialización pero tamén adaptados para nenos e nenas con distintas capacidades. Incluiranse, así mesmo, elementos de abalo para uso individual e grupal, así como asentos xiratorios con deseño especial para crianzas con trastorno do espectro autista.

Os traballos, que arrincaron hoxe, suporán un investimento municipal de 352.342 euros e terán un prazo de execución de catro meses.

Coa mellora deste parque, o executivo de Lara Méndez continúa coa ampliación de espazos de lecer pensados para as e os máis pequenos, ben creando novas áreas ou renovando as existentes.

E, para a Abella en concreto – recentemente urbanizada e humanizada - supón a renovación dunha dotación pública máis, logo da entrada en funcionamento, a pasada primavera, dunha nova vista multideporte e do novo Centro Social de Lamas de Prado que presta asistencia a máis de 20.000 persoas de diferentes contornas da cidade.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o inicio das obras no Parque Castiñeiro | Descargar mp3

Multimedia

  • Arrinca a renovación integral das zonas infantís do Castiñeiro na que a alcaldesa deu cabida ás peticións das crianzas do barrio

Noticias relacionadas