Benestar Social achega á poboación cursos de formación gratuítos para manexar os desfibriladores

As sesións dispoñibles, de 5 horas de duración, terán lugar até decembro nos centros de convivencia da Milagrosa, Uxío Novoneyra, Maruja Mallo, Fingoi, no Centro Interxeracional Paco Martín e no Local Social Díaz Castro.

O prazo de inscrición, que permanecerá aberto, comeza o vindeiro luns, 17 de outubro.

Sábado, 15 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar Social achega á poboación cursos de formación gratuítos para manexar os desfibriladores

O Executivo de Lara Méndez, a través da área de Benestar Social, achegará este trimestre á poboación 6 cursos de formación para aprender a manexar os desfibriladores.

A iniciativa, segundo explicou a concelleira Olga López Racamonde persegue, ademais dunha finalidade didáctica, “concienciar á cidadanía da importancia de empregar sen medo estes dispositivos, xa dispoñibles nos espazos públicos e en dependencias municipais”.

A responsable de Benestar indicou que o contido das clases abrangue aspectos tales como a identificación dunha parada cardiorrespiratoria, as manobras de reanimación cardiopulmonar ou como empregar o DEA e quen pode manexalo.

Haberá dúas sesións por mes, cada unha de 5 horas de duración, que terán lugar entre as 4 da tarde e as 9 da noite (16:00 a 21:00 horas). Serán:

  • O xoves, 20 de outubro, no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra.
  • O sábado, 29 de outubro, no Centro de Convivencia da Milagrosa.
  • O xoves, 10 de novembro, no Centro de Convivencia Maruja Mallo.
  • O sábado, 26 de novembro, no Centro de Convivencia de Fingoi.
  • O martes, 13 de decembro, no Centro Interxeracional Paco Martín.
  • E o sábado, 17 de decembro, no Local Social Díaz Castro.

O prazo de inscrición, que permanecerá aberto, comeza o vindeiro luns, 17 de outubro.

As persoas interesadas en asistir poderán anotarse a través do teléfono 982231613 ou enviando un correo electrónico a lugoconcorazon@lugo.gal indicando: nome completo, DNI, teléfono de contacto, así como o centro de preferencia e a data para realizar o curso.

López Racamonde lembrou que esta iniciativa enmárcase no programa ‘Lugo con Corazón’ impulsado polo Goberno de Lara Méndez co obxectivo de converter ao municipio nun dos concellos máis cardioprotexidos do noroeste peninsular “para o que nos dotamos de 67 novos desfibriladores que foron instalados en todas as instalacións municipais, así como en prazas e espazos da cidade que contan con gran afluencia de transeúntes e nos que, durante o verán, tamén fomos desenvolvendo outras accións formativas similares da man de Cruz Vermella”.

López Racamonde animou a toda a veciñanza a participar, destacando a importancia de adquirir coñecementos que poidan axudar a salvar vidas en situacións nas que cada minuto conta.

Noticias relacionadas