Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 07 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Molestias por ruído en vivenda

Ás 1’38 horas do día 6 de setembro, a Sala do 092  comisiona unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno na rúa Río Cabe, desde onde recibiron queixas polas molestias causadas polo ruído procedente dunha vivenda.

 A información recibida telefónica foi constatada polos policías, que desde as escaleiras do inmoble apreciaron as voces procedentes dun dos pisos, as cales, aínda que non tiñan un volume demasiado elevado, si podían interferir no descanso dos veciños, motivo polo cal procederon a contactar co morador da vivenda, quen manifestou estar en compañía de varios familiares, aínda que, ao ser advertido das molestias que estaban a causar, cesaron as mesmas.

Accidentes / fuxido / alcoholemia

Ás 19’45 horas do día 6 de setembro a Sala do 092 recibe información sobre un accidente de circulación ocorrido na Ronda das Fontiñas, no que o vehículo causante do mesmo auséntase do lugar.

Comparece no lugar de inmediato a Unidade de Atestados, que inicia as investigacións necesarias, nas que resulta fundamental a colaboración cidadá, a través da cal se consegue identificar a placa de matrícula do automóbil fuxido.

Despois das indagacións correspondentes, os axentes localizan o vehículo no garaxe do edificio onde reside o seu titular, na rúa  Madanela, quen tamén é localizado na vivenda, sendo sometido ás probas para a determinación do grao de impregnación alcohólica, xa que presentaba signos externos de acharse baixo a influencia do alcol, arroxando resultado positivo de 0’79 e 0’80 mg/ L, motivo polo cal se instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, por conducir un vehículo de motor baixo a influencia do alcol.

Ás 21’15 horas do mesmo día prodúcese un accidente de circulación na glorieta da  Avd. de Garabolos. Acudidos no lugar, os axentes comproban que un dos implicados presenta signos externos claros de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, motivo polo cal lle someten ás preceptivas probas de detección alcohólica, arroxando resultado positivo de 0’93 e 0’91 miligramos de alcol por litro de aire expirado, polo que tamén se lle investiga, igual que en caso anterior, como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria.

Noticias relacionadas