Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Xoves, 16 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Molestias por ruídos en interior de vivendas

Durante a noite do 15 ao 16 de abril/20, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo levantaron actas de infracción á Ordenanza de Medio Ambiente por molestias causadas a veciños por ruídos no interior de vivendas.

A primeira intervención leva a cabo sobre as 23,50 horas, cando unha patrulla acode a unha vivenda da Avenida da Coruña xa que os veciños, a través da presidenta da Comunidade, queixábanse das molestias que provocaba un veciño.

Os axentes acoden ao piso e comproban a veracidade da denuncia identificando o propietario da vivenda onde proviñan os ruídos alegando que realiza teletraballo nocturno.

A segunda intervención realízase sobre as 1,35 horas cando se reciben na Sala de Comunicacións do 092, queixas dos veciños dun inmoble da Avenida de Madrid por ruídos que proveñen dunha vivenda.

Os axentes identifican ao presunto causante, informándolle das queixas dos veciños, aínda que os ruídos xa cesaran.

Árbore caída en vía pública

Sobre as 4,00 horas do día 16 de abril/20 unha patrulla da Policía Local de Lugo detecta na circunvalación do Intre unha árbore caída que obstaculizaba a circulación pola calzada e polo paseo peonil.

Procédese á sinalización do vial, requirindo a presenza dos Bombeiros, os cales proceden á talla da árbore, deixando libre a calzada.

Protección e Benestar dos animais de compañía

Axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo procederon o pasado 10 de abril a levantar acta-denuncia ao propietario dun can por infraccións á Lei Galega de protección animal, por non adoptar as medidas necesarias para impedir que o animal poida acceder libremente á vía pública, por non manter ao can en condicións hixiénico-sanitarias adecuadas e non presentar a documentación do animal.

Os feitos ocorreron cando unha patrulla policial detecta nunha zona axardinada da cidade un can solto e sen control de raza  Bulldog Francés, sen que estea presente o propietario ou responsable do animal.

Os axentes localizan á persoa responsable do can no interior do seu domicilio, alegando que o deixa saír á rúa sen custodia pola situación de crise sanitaria, informándolle os axentes que esa actividade está autorizada.

Os axentes observan que o can presenta unha hernia  perineal polo que requiren ao responsable para que o traslade o animal ao Hospital Veterinario para a súa inmediata atención, o que así fai, quedando o can ingresado para realización dunha intervención cirúrxica.

Noticias relacionadas