COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Luns, 24 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Auxilio á cidadanía

O xoves 20, ás 16:50 horas, a Sala do 092 recibe información sobre unha persoa solicitando auxilio nunha vivenda da rúa Mar Cantábrico. Os axentes comisionados de inmediato no lugar contactan coa persoa requirente, que lles informa de que escoitara berros de auxilio, un forte golpe e a continuación xa non se escoitaba a ninguén. Os policías, coa información facilitada e ao non obter resposta desde o interior do piso, solicitaron a presenza de Bombeiros, conseguindo finalmente acceder ao domicilio, comprobando que no seu interior había unha muller, consciente pero cuxa aparencia e respostas aos requirimentos dos axentes fixeron necesario requirir a presenza de persoal sanitario, que prestou unha primeira asistencia e decidiu o seu posterior traslado ao HULA.

O sábado 22, ás 13:15 horas, unha muller solicita a intervención policial, a través do 092, por unha discusión que está a manter coa súa filla, de 15 anos de idade. Os axentes comisionados no lugar, despois de entrevistarse con ambas partes, chegan á conclusión de que se trata dunha rifa familiar na que a intervención policial debe ser meramente informativa, polo que, despois de asegurarse de que a situación non requiría máis actuación, abandonaron o lugar.

Durante a mañá do domingo 23, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio foi comisionado nunha vivenda da rúa Xulia Minguillón, desde onde se recibiu aviso de que unha persoa caera e era incapaz de levantarse. Unha vez no lugar, os axentes atópanse coa requirente, neta da muller caída que, segundo ella, atópase no interior do piso, no chan, sendo incapaz de facilitar o acceso. Por todo o exposto requírese a presenza dos bombeiros, que acceden ao inmoble por unha xanela e facilitan o acceso ao domicilio tanto aos axentes como aos servizos sanitarios, que proceden ao traslado da muller, de 90 anos de idade, ao HULA.

Danos en cheminea

O sábado pola tarde, a Sala do 092 enviou un indicativo á Avenida da Coruña, onde a veciña dun inmoble quería informar da situación da cheminea do edificio, que sufrira danos e temía pola súa caída. Os axentes realizaron unha primeira valoración da situación e requiriron a presenza dos Bombeiros, que adoptaron unhas primeiras medidas de aseguramento da cheminea, que probablemente se viu afectada pola do edifico contiguo, tras o cal os policías procederon á localización do propietario do inmoble, poñendo no seu coñecemento o actuación e requiríndolle para a súa reparación o máis axiña posible.

Incendio en cociña

Durante a tarde do sábado, a Sala do 092 recibiu información sobre un incendio nunha vivenda da Rolda das Fontiñas. Acudidos no lugar de inmediato, os indicativos da Unidade Territorial de Policía de Barrio puideron comprobar a veracidade da chamada, sendo necesario cortar o tránsito rodado por unha das calzadas da vía, mentres duraron os traballos do Servizo de Extinción de Incendios.

Os axentes tamén requiriron a presenza dunha ambulancia do 061, que procedeu ao traslado ao HULA do único ocupante do piso, que fora afectado polo fume, sendo rescatado do interior dunha das estancias da vivenda, polos efectivos de Bombeiros.

Posteriormente compróbase que o mozo evacuado presenta unha alta taxa de alcol en sangue. Ao finalizar as tarefas de extinción, que afectaron á cociña, causándolle danos de importancia, o piso quedou precintado, sendo advertidos os propietarios do mesmo.

Control de aparcoches ilegais e venda ambulante non autorizada

Durante a fin de semana, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio denunciaron a catro persoas que exercían a actividade de aparcacoches nas inmediacións do HULA, para o que, nalgunha ocasión, introducíanse na calzada, causando o consecuente perigo tanto para eles como para o resto de usuarios.

Tamén levantaron acta para a denuncia doutras tres persoas que exercían a venda ambulante, sen autorización municipal, nas inmediacións da Praza de Abastos, para o que ocupaban parte do pavimento, obstruíndo o paso de viandantes e usuarios da propia praza, e facían uso tamén dos enreixados de peche da propia praza.

Filtros deeguridade viaria

Durante a fin de semana, tanto os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio como os do Grupo Operativo Nocturno e da Unidade de Atestados, ademais de atender varios accidentes de circulación en todo o centro urbano, realizaron numerosos filtros de seguridade viaria, nos que se obtiveron os seguintes resultados:

- Un patinete eléctrico denunciado por circular por zona peonil.

- 1 vehículo que non fora sometido á ITV no prazo regulamentario.

- 2 vehículos que circulaban sen ter concertado o seguro obrigatorio.

- 12 condutores denunciados por exceso de velocidade (foron controlados 910 vehículos a través dun cinemómetro instalado en vehículo).

- 4 condutores con resultado positivo nas probas de alcoholemia, tres deles denunciados administrativamente, con resultados de 0.52 e 0.55; 0.36 e 0.36; 0.71 e 0.65 mg/l.

O cuarto é investigado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, xa que lanzou un resultado de 0.72 e 0.67 mg/l, polo que se instrúen dilixencias para xuízo rápido.

En dous dos casos, os condutores mostraban unha condución irregular, noutro non facía uso da iluminación do vehículo en horario nocturno e o último fixera caso omiso á sinalización de STOP que regulaba un cruzamento de vías.

Control de establecementos e condutas incívicas

Durante a fin de semana, os axentes do Grupo Operativo Nocturno, uniformados e de paisano, con vehículos rotulados e camuflados, continuaron cos dispositivos de control de establecementos públicos e condutas incívicas, especialmente aquelas que xeran maior número de queixas veciñais e comerciais relativas ao mal cheiro e problemas de salubridade que causan as persoas que ouriñan na vía pública, contra as fachadas dos edificios e mesmo nos accesos aos locais comerciais, con especial incidencia no centro da cidade, cos seguintes resultados:

- 2 establecementos de lecer nocturno denunciados por permitir aos clientes sacar as consumicións ao exterior do local, á vía pública.

- 23 persoas denunciadas, por ouriñar na vía pública, en lugares como Dean Fernández Varela, Clérigos, Falcón, Pío XII, Tinería …

Discusión de parella

Ás 17:30 horas do venres 21, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio observa a presenza dunha parella, na rúa San Roque, que, tras saír dun portal, atópanse discutindo, comprobando os axentes que a muller tenta suxeitar ao home en varias ocasións, respondendo este apartándoa, usando nunha das ocasións un leve empuxón.

Ante a situación descrita os axentes diríxense á parella, entrevistándose con ambos por separado, para interesarse polo que ocorría, chegando á conclusión de que se trataba dunha discusión de parella na que ningún dos dous desexaba presentar ningún tipo de denuncia, a pesar do cal se procede a dar aviso do sucedido á nai da muller, xa que era menor de idade.

Con motivo da devandita intervención, os policías tamén tiveron que levantar acta por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, tendo en conta que o mozo en todo momento mantivo unha actitude desafiante e de total menosprezo aos axentes, negándose inicialmente a ser identificado.

Noticias relacionadas