COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Luns, 21 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL DE LUGO

Danos en vehículo estacionado

Ás 12 horas do venres 18, a Sala do 092 recibe información sobre un vehículo estacionado na rúa San Roque cun dos seus cristais rotos. De inmediato comparece no lugar unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio, comprobando que o turismo tiña o portelo dianteiro roto, con danos no marco da mesma, observando que no interior do automóbil había varias caixas con botellas, aveños persoais, unha carteira, unha tarxeta bancaria e un billete de 50 €, ademais de varias moedas, polo que se localizou ao titular do vehículo, que se fixo cargo do mesmo e manifestou a súa intención de formalizar denuncia polo sucedido. (foto)

Requirimentos por ruídos

Ás 14.15 horas do venres recíbese queixas na Sala do 092 polas molestias que causa un veciño da Ronda das Fontiñas co volume da música demasiado alto, o que, segundo a requirente, é algo frecuente. Unha vez no lugar, os axentes comproban que efectivamente a música escóitase con claridade, polo que contactan co morador do piso do que procede, advertíndolle das molestias que estaba a causar, as cales cesaron de inmediato.

Por outra banda, ás 2 horas do domingo, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno responde o requirimento dunha veciña que se queixa dos ruídos procedentes dunha vivenda da Rolda do Carme. Os axentes comproban que o ruídos de música, cánticos e palmas dun piso trasládase aos demais a través do patio de luces, polo que proceden á identificación da moradora do inmoble de procedencia, que manifesta que estaban a celebrar unha festa.

Ás 7 horas do domingo, unha patrulla de Policía de Barrio trasladouse a un domicilio da rúa San Pedro por molestias similares (música e ton de voz alto que causaban molestias aos veciños). Unha vez en contacto co morador da vivenda as molestias cesaron.

Por último, ás 2.25 horas do luns, axentes do Grupo Operativo Nocturno foron comisionados nunha vivenda do carril de Caiñós, onde un veciño queixábase do volume do televisor dun piso contiguo. Unha vez no lugar, o requirente informa de que os ruídos cesaran uns minutos antes, polo que se dá por finalizada a intervención.

Movemento de cheminea en tellado e antena caída

Ás 16.30 horas do venres, unha patrulla de Policía de Barrio trasladouse a un inmoble da rúa do Miño, desde o cal, segundo o requirente, observábase como a cheminea dun edificio próximo, sito na rúa Falcón, movíase co vento que había nese momento, o que puido ser comprobado polos axentes unha vez no lugar, polo que deron aviso ao Servizo de Bombeiros, que procedeu a inspección o tellado e a cheminea, determinando que non existía risco inminente. A pesar diso, deuse coñecemento ao titular da vivenda para a corrección o máis axiña posible.

Durante a mesma tarde, ás 19’10 horas, os axentes trasladáronse a un edificio da rúa San Roque, en cuxo tellado había unha antena dobrada. O propietario comprométese a tentar que se retire canto antes.

Negativa a abonar consumicións

Ás 16.30 horas do venres, un indicativo de Policía de Barrio trasladouse e un establecemento de hostalería sito na avenida das Américas, onde un cliente negábase a abonar a conta. Unha vez no lugar, os axentes foron informados polo encargado do local que un mozo que se atopaba na barra tomara consumicións por un importe próximo aos 20 euros e negábase a pagar. Os policías procederon á identificación do suxeito, que manifestou que se negaba a pagar, sen ningún motivo concreto. O hostaleiro foi informado dos pasos para seguir para formalizar denuncia polos feitos.

Presunto delito de violencia de xénero

Ás 6.15 horas do sábado, varios indicativos da Unidade Territorial de Policía de Barrio foron comisionados nun domicilio da rúa Progreso, xa que a Sala do 092 recibira información sobre unha pelexa no lugar. Os axentes foron recibidos por unha muller que manifestou que, instantes antes, a súa exparella entrara no domicilio que comparte coa súa parella actual e agredira ás dúas. A muller engade tamén que as agresións foron frecuentes durante os catro anos que mantiveron de relación, ata que esta finalizou hai aproximadamente un mes. Todo o exposto sobre o ocorrido esa mañá foi corroborado pola súa actual parella, que presentaba arañazos por todo o corpo. Os axentes trasladan ás tres mulleres, por separado a un centro sanitario e proceden á detención da presunta autora da agresión, para a súa posterior presentación en dependencias policiais, para a tramitación das dilixencias oportunas.

Retirada niño velutinas

Ás 17.20 horas do sábado, unha patrulla de Policía de Barrio trasladouse a un edifico da Rolda da Muralla, en cuxo tellado había un niño de velutinas, procedendo a protexer o lugar e restrinxir o tráfico nun dos carrís de circulación da citada rolda mentres o Servizo de Bombeiros procedeu á retirada do citado niño.

Auxilio a cidadán

Ás 2.50 horas do domingo, a Sala do 092 recibe información sobre unha persoa tirada na vía pública. Unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno comproba que se trata de home que di que non ten onde pernoitar, polo que lle ofrecen ser trasladado ao albergue municipal, ao cal accede, polo que é conducido ao mesmo polos policías.

Incendio en vivenda de Dr. Ochoa

 Ás 5.20 horas do domingo, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a un inmoble da rúa Doutor Ochoa, onde se estaba producindo un incendio. Os axentes comprobaron que o fume procedía dun piso da terceira planta, no que non había ningunha persoa, procedendo á evacuación do resto do edificio. Colaborouse coas dúas dotacións do Servizo de Extinción de Incendios ata a finalización dos traballos de apagado do lume, que se produciu na cociña.

Detención por requisitoria xudicial

Durante a tarde do domingo, un suxeito comparece na Xefatura da Policía Local para solicitar pernoitar no albergue municipal. Mentres era atendido polo axente da oficina de atención á cidadanía realizáronse diversas comprobacións, podendo pescudar que tiña unha requisitoria xudicial para a súa detención e posta ao dispor xudicial por un presunto delito de atentado, polo que se procede a formalizar a súa detención.

Presunta falsificación de documento público

Ás 12.50 horas do domingo, un indicativo de Policía de Barrio trasladouse ao Polígono Industrial do Ceao onde, segundo chamada telefónica, había dous camións coa mesma placa de matrícula. Os axentes comprobaron a veracidade da chamada, retirando as placas de matrícula ao camión que non lle correspondía (presuntamente importado do estranxeiro), iniciando as xestións necesarias para a localización do titular do mesmo, xa que os feitos puidesen constituír unha falsificación de documento público, xa que como tal está considerada a placa de matrícula dun vehículo automóbil.

Filtros de seguridade viaria

Durante os filtros de seguridade viaria levados a cabo polo Grupo Operativo Nocturno e a Unidade de Atestados durante a fin de semana, puidéronse detectar as seguintes infraccións:

            - 2 vehículos circulando sen ser sometidos á ITV no prazo regulamentario.

            - 9 condutores sorprendidos cunha taxa de alcol superior á permitida, todas elas con denuncia administrativa:

                        - 0.48 e 0.42.

                        - 0.33 e 0.32.

                        - 0.47 e 0.45.

                        - 0.49 e 0.44

                        - 0.44 e 0.50.

                        - 0.56 e 0.54.

                        - 0.31 e 0.31.

                        - 0.39 e 0.31.

                        - 0.46 e 0.45 mg/L.

            - 2 condutores sorprendidos ao volante tras inxerir drogas.

                        - Un positivo en cocaína e THC (cánnabis).

                        - Un positivo en cocaína.

Noticias relacionadas