Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 01 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Detido polos delitos de atentado a axentes da autoridade e contra a seguridade viaria

Sobre as 20:00 horas do día 30 de novembro un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á rúa Santiago xa que se producira un accidente de circulación, sendo recibidos pola requirente que manifesta que momentos antes atopábase parada nun semáforo e un vehículo comezou a realizar manobras estrañas, chegando a golpear un noiro alí existente e posteriormente chocando contra o seu vehículo, dándose á fuga o condutor dese vehículo, achegando aos axentes o número de matrícula.

A través das bases de datos policiais unha patrulla policial diríxese ao domicilio do titular do vehículo, comprobando que se atopaba estacionado na rúa coa porta do condutor aberta e unha persoa tirada no chan á beira do coche, achándose baixo un estado elevado de embriaguez, comprobando que era o condutor do vehículo, sendo requirido para someterse ás probas de alcoholemia, respondendo, inicialmente, de forma afirmativa pero pasados uns momentos comeza a poñerse en actitude moi agresiva, negándose a realizar a proba.

No transcurso da conversación mantida cos axentes, nun momento dado arremete violentamente contra un deles, propinándolle dúas puñadas na cara, sendo reducido e inmobilizado, procedendo á súa detención por un delito de atentado a axentes da autoridade, sendo trasladado a un centro sanitario do mesmo xeito que o axente que había resultado ferido no rostro e nunha man, sendo conducido a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.

O vehículo foi trasladado polo guindastre ao depósito de vehículos e como no seu interior había un can, foi trasladado á Protectora de Animais para o seu coidado.

Ademais do delito de atentado a axentes da autoridade, polo que se investiga a este condutor de 64 anos, instrúense dilixencias por delito contra a seguridade viaria ao negarse a someterse ás probas de detección alcohólica, instruíndo atestado ademais polos danos causados no accidente de tráfico.

Inspección de local de hostalería

Na madrugada do día 1 de decembro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo realizou unha inspección nun establecemento de hostalería da rúa Pintor Villamil, levantando actas de denuncia polas seguintes infraccións á normativa de Espectáculos Públicos de Galicia:

  • Realizar unha actividade CARECENDO DE LICENZA ou AUTORIZACIÓN ADMINISTRATIVA DE FUNCIONAMENTO.
  • Colocación dun futbolín sen autorización administrativa.

Noticias relacionadas