Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 02 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Detención por violencia no ámbito familiar

Á primeira hora da tarde do día 31 de outubro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da  Rolda dAs Mercedes xa que ao parecer no interior dunha vivenda estaba a producirse unha forte discusión.

Os axentes comparecen de inmediato e xa escoitan desde o rellano da escaleira que se está producindo unha discusión no que un mozo está a insultar á súa nai, así como fortes golpes polo peche violento de portas, chamando á porta, abrindo o fillo e accedendo ao interior para entrevistarse separadamente tanto con este como coa nai, manifestando esta que o seu fillo habíalle agredido e insultado, ao parecer porque lle esconde o router da internet, presentando lesións nos ombreiros e antebrazo.

O fillo, menor de idade, manifesta que efectivamente discutiu coa súa nai xa que lle escondía o router e necesitábao para os seus estudos, confesando que a agarraba empregando a forza, polo que se procede á detención do mozo por un delito de violencia no ámbito familiar, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrúen as dilixencias oportunas para a súa remisión ao Xulgado competente.

Delitos contra a seguridade viaria

Durante as noites da ponte de “todos os santos”,  por efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo intensificaron os filtros de seguridade viaria, detectando a condución irregular dun vehículo na rúa Julia Minguillón, observando que o seu condutor presentaba signos de embriaguez, sendo requirido para a realización das probas de alcoholemia, negándose a iso, a pesar de ser informado que de persistir na súa actitude sería investigado por un delito, reiterando a súa negativa, polo que se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria ao negarse a efectuar as probas de alcoholemia, sendo remitidas ao Xulgado de Garda na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo.

Un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo acode á rúa Curros Enríquez para colaborar cunha dotación da Policía Nacional que dera o alto a un vehículo, observando os axentes que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado positivo de 0,86 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo.

Na Rúa Xenebro e na rúa Lamas de Prado detectáronse dous vehículos cuxos condutores foron sometidos ás probas de alcoholemia, lanzando un resultado positivo de 0,62 e 0,65 mg/l, respectivamente, abríndose expediente sancionadores con multas de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución para cada un deles, inmobilizando os vehículos.

Auxilio a cidadáns

O día 30 de outubro realizáronse dous auxilios. O primeiro na rúa Manuel María, onde unha persoa de avanzada idade habíase desorientado, querendo acceder a un establecemento crendo que era un supermercado, xa que pensaba que a súa esposa achábase no interior, sendo auxiliado polos axentes que localizan aos seus familiares, facéndose cargo del.

Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acode a un edificio da rúa Magnolia onde observa que no rellano da escaleira había unha muller en estado de embriaguez, sendo auxiliada polos axentes, xa que estaba a vomitar, requirindo a presenza dunha ambulancia para o seu traslado o HULA.

Noticias relacionadas