Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 06 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Inspección de locais de hostalería

Por efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo procedeuse á inspección dun local de hostalería situado na rúa Tui, levantándose acta por diversas infraccións á Lei de Espectáculos e Actividades Recreativas de Galicia. INFRACCIÓNS:

  • A pesar de que o local ten licenza de café-bar, pertencente ao Grupo I, que non lle habilita a ter música, os axentes comprobaron que ten un equipo musical sen autorización a gran volume, con varios altofalantes, barra de son, subwooferinalámbrico, etc.
  • Exerce unha actividade dun Grupo de clasificación distinto ao que figura na licenza, pois exerce como un PUB, sen que no interior haxa apenas iluminación.
  • Instalación de máquinas comecartos sen autorización.
  • Incumprimentos de medidas de seguridade e hixiene.
  • Non dispón de carteis informativos da existencia de follas de reclamacións.
  • Non dispón de lista de prezos visible.
  • Os extintores están caducos.
  • Unha das xanelas foi tapiadapara que non entre luz ao interior e a porta de entrada é completamente opaca, sendo a ventilación moi deficiente.

Tamén se levantou acta de denuncia por infracción á Lei de Espectáculos e Actividades Recreativas de Galicia ao detectar un café bar situado na rúa Pintor Luís Seoane que excedía, no exercicio da súa actividade, o límite horario establecido, xa que a inspección se levou a cabo ás 3:20 horas, comprobando os axentes que había xente no interior consumindo bebidas.

Delito contra a seguridade viaria

Sobre as 15:30 horas do día de onte unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo dá o “alto” a un vehículo na Rolda das Fontiñas, comprobando que carece de Seguro Obrigatorio e o titular non o levara a pasar a ITVno prazo debido. Consultada as bases de datos policiais compróbase tamén que o condutor CARECE de permiso de condución por NON OBTELO NUNCA, polo que é trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo. Este condutor enfróntase a unha pena de prisión de 3 a 6 meses ou multa ou traballos en beneficio da comunidade e ademais abríuselle expediente sancionador cunha sanción de 1.700 euros.

Noticias relacionadas