Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 07 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Detención por atentado a axentes da autoridade

Sobre as 1:30 horas do día 7 de abril unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda á rúa Mariña Española, xa que ao parecer unha persoa está a causar problemas no interior dun local de lecer nocturno da zona.

Os axentes, ao chegar ao lugar, observan a unha muller, de 31 anos de idade, que en estado de embriaguez comeza a vociferar e insultar aos policías, polo que se procede a acougar a esta persoa, momento no que agarra polo peito a un dos axentes, dándolle unha patada nunha perna, tentando tamén agredilo na cara, sendo inmediatamente reducida, procedendo á súa detención.

Como esta persoa seguía nun estado de moita agresividade procédese a trasladala a un centro médico, momento no que cospe a un dos axentes, golpeando violentamente o biombo de seguridade do vehículo policial durante o traslado.

No centro médico insulta e ameaza gravemente aos sanitarios polo que é requirida a presenza dunha ambulancia do 061 para o seu traslado ao HULA para a súa valoración médica, instruíndose dilixencias por un delito de atentado a axentes da autoridade para a súa remisión ao Xulgado de Garda.

Recuperación de vehículo subtraído

Sobre as 20:15 horas do día 6 de abril unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo observa na rúa Río Avia un vehículo que se achaba estacionado sobre a beirarrúa.

Os axentes cando procedían a confeccionar a correspondente denuncia, detectan na Base de Datos policial que existe unha “alerta” por subtracción, polo que é retirado polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal onde queda precintado ao dispor do Grupo de Policía Científica.

Auxilio á cidadanía

Sobre as 00:10 horas do día 7 de abril unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo colabora cunha dotación do 061 no auxilio a unha moza de 25 anos que se achaba tirada na Praza de Augas Férreas cunha forte intoxicación etílica, vomitando e coa roupa completamente mollada, sendo incapaz de articular palabra polo que foi trasladada ao HULA para a súa atención médica.

Noticias relacionadas