Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Luns, 08 de maio de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Presunto delito de roubo

Na tarde do día 7 de maio, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, cando se achaban de servizo nas inmediacións do estadio Angel Carro, con motivo do partido de fútbol, son requiridos por unha persoa que manifesta ser vítima dun roubo, momento no que un dos axentes observa pola rúa Músico Falla a un home correndo, manifestando o denunciante que ese era o home que lle roubara.

Os axentes danlle o alto de inmediato, procedendo á súa identificación, manifestando o requirente - que tamén acode ao lugar - que esa persoa subtraéralle do seu garaxe unha ferramenta e unha motoserra, achegando testemuñas e fotografías, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias por un presunto delito de roubo.

Delito de furto

Na tarde do día 6 de maio, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un establecemento de alimentación da Avenida da Coruña, xa que ao parecer unha persoa furtara varios artigos.

Os axentes preséntanse de inmediato, procedendo á identificación dunha muller, que consumira no interior do establecemento unha lata de cervexa e tentara furtar dúas botellas de bebidas alcohólicas, que ocultara, levantando o correspondente parte de intervención para dar coñecemento á Autoridade Xudicial.

Cabalos soltos

Na mañá do día 7 de maio unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta a presenza de dous cabalos soltos pola Avenida Benigno Rivera, con risco para o conxunto da circulación, sendo arrinconados coa axuda duns viandantes, deixándoos apartados da calzada e do tráfico rodado.

Os axentes localizan ao propietario dos animais, facéndose cargo dos mesmos, e manifestando que romperan un dos enreixados de peche onde garda os cabalos, abríndose expediente sancionador por estes feitos.

Axuda humanitaria

Na noite do día 7 de maio unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, de servizo pola zona de Recatelo, detecta un home tirado na rúa Isaac Díaz Pardo que sangraba pola cabeza.

Os axentes proceden a auxiliar a esta persoa, requirindo a presenza dunha ambulancia, observando que presenta unha forte intoxicación etílica, sendo trasladado ao HULA para a súa atención médica.

Actos incívicos

Sobre as 5:00 horas do día 7 de maio, unha patrulla camuflada do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, sorprende na travesía Deán Fernández Varela a dous mozos de 18 e 22 anos ouriñando na vía pública, sendo identificados, abríndose expediente sancionador con multa de até 900 euros para cada un deles por infracción á Lei de Residuos de Galicia.

Noticias relacionadas