Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 09 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Presunta agresión

Ás 4’30 horas do venres, unha patrulla Atestados foi requirida por un viandante que informou sobre unha agresión na rúa Clerigos, fronte a un local de lecer nocturno. Acudidos de inmediato no lugar, os axentes observaron a un mozo, de 18 anos de idade, que sangraba por unha cella, manifestando que, instantes antes, outro mozo ao que lle tirara a copa sen querer propináralle unha puñada, causándolle ditas lesións. Os axentes procederon á identificación do presunto autor, que continuaba no lugar e foi sinalado por varias testemuñas, aínda que negou os feitos.

Os policías tamén contactaron cos traballadores do local de lecer nocturno, que manifestaron que, se houbo algunha agresión, podería ser que estivese recollida na gravación das cámaras de vixilancia situadas no exterior do local, polo que se inician as dilixencias policiais oportunas para realizar investigacións.

Auxilio a persoa caída en domicilio

Ás 15’23 horas do xoves, a Sala do 092 recibe información sobre unha persoa caída na terraza do seu domicilio. Trasládase ao lugar unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio, que contacta co requirente, sendo informados de que comprobara como, desde a terraza do edificio lindeiro, unha muller pedía auxilio xa que non se podía levantar do chan. Solicítase presenza de Bombeiros e de 061, procedendo a acceder á vivenda por unha xanela para logo facilitar o acceso aos servizos sanitarios. Finalmente compareceu a filla da muller, que se fixo cargo da mesma, para o seu traslado a un centro médico.

Auxilio a persoa con ataque de ansiedade

Ás 3’00 horas, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno trasládase á Praza de Santo Domingo, desde onde se recibiu unha chamada dunha muller en estado de nerviosismo. Unha vez no lugar,  a nova informalles de que estivera de festa coa súa parella e que discutiran porque ela queríase ir a casa, xa que traballaba ao día seguinte, motivo polo cal se separaron. Que agora se atopaba sen lugar onde pernoitar nin como regresar á Coruña. Os axentes tentaron acougala ofrecéndolle algunha solución, pero a moza non lograba acougarse e tampouco quería que se chamase unha ambulancia. Finalmente foi trasladada a un PAC, onde a médico de garda manifestou que a muller sufría ataques de ansiedade frecuentes, pero que xa estaba máis tranquila.

Tendo en conta que non existían indicios de violencia na discusión, os axentes finalizaron a actuación, tras obter os datos da parella da muller.

Queixas por ruídos

Durante a noite de xoves a venres, os axentes tiveron que acudir a dous domicilios, en rúa Cambria e Fontiñas, no primeiro caso polas molestias que causaban varias persoas no relanzo das escaleiras dunha vivenda e, no segundo, polo volume da música procedente dun piso. En ambos os casos as molestias cesaron coa presenza policial.

Alcoholemias positivas

Durante a noite do xoves ao venres, os axentes do Grupo Operativo Nocturno e da Unidade de Atestados detectaron 4 condutores que lanzaron resultados positivos nas probas de alcoholemia á que foron sometidos. En dous casos os condutores presentaban condución errática, noutro fixo caso omiso á luz vermella dun semáforo e o último circulaba a unha velocidade notoriamente superior á adecuada. Os resultados foron de 0.39 e 0.36; 0.81 e 0.84; 0.58 e 0.56; e 0.40 e 0.38 mg/L, polo que se confeccionaron tres boletíns de denuncia administrativa e un atestado por presunto delito contra a seguridade viaria.

Noticias relacionadas