Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Luns, 12 de febreiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Controis de alcoholemia e drogas

Con motivo das festas de Entroido, intensificáronse os controis de alcoholemia e drogas en vías do centro urbano, no que efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co emprego de vehículos policiais rotulados e camuflados, estableceron diversos filtros de seguridade viaria. A noite do venres ao sábado prestouse vixilancia no aparcamento do Pazo Universitario con motivo dunha quedada dunha trintena de vehículos, utilizando os axentes un DRON para o control do cumprimento da normativa en materia de seguridade viaria, ademais da presenza de vehículos patrulla, o que supuxo un control total da KDD,  sendo denunciado un condutor por condución temeraria.

Nos diferentes controis de alcoholemia e drogas que se estableceron na cidade obtívose o seguinte balance:

DELITO CONTRA A SEGURIDADE VIARIA

Na avenida de Ramón Ferreiro detéctase a circulación irregular dun vehículo que ao ser detido obsérvase que o seu condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,66 mg/l., instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo.

ALCOHOLEMIAS ADMINISTRATIVAS

  • Avenida Rodríguez Mourelo. Condutor denunciado por lanzan un resultado POSITIVO de 0,33 mg/l
  • Rúa Margarita. Condutor denunciado por lanzar un resultado POSITIVO de 0,41 mg/l
  • Rúa Armórica. Condutor denunciado por lanzar un resultado POSITIVO de 0,61 mg/l.

Os dous primeiros condutores foron sancionados con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución e o terceiro con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos, sendo inmobilizados os vehículos.

DROGAS

  • Rúa Madeira. Condutor denunciado por POSITIVO en THC e AMP.
  • Rúa Río Eo. Condutor denunciado por POSITIVO en COCAÍNA.
  • Rúa Valle Inclán. Condutor denunciado por POSITIVO en COCAÍNA e THC
  • Rúa Ramiro Rueda. Condutor denunciado por POSITIVO en COCAÍNA e THC.

Estes condutores foron sancionados con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, inmobilizando os vehículos.

Detención por delito de atentado a axentes da autoridade

A mañá do día 11 unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, de servizo na zona do Parque Rosalía de Castro, observa a un mozo que dirixe unha serie de insultos cara aos axentes, gritando na rúa, polo que ao tratar de identificalo, sae correndo por Carril dos Loureiros en dirección á Catedral, sendo interceptado polos policías na rúa Deán Fernández Varela, negándose a identificarse, polo que é informado que en caso que persista coa negativa, será trasladado a dependencias policiais para a súa identificación, momento no que lanza patadas cara aos axentes, chegando a impactar unha delas na cara dun dos policías, momento no que é reducido e inmobilizado, procedendo á súa detención por un delito de atentado a axentes da autoridade, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrúen as oportunas dilixencias para o Xulgado de Garda.

Venda ambulante non autorizada

Con motivo da celebración do mercadillo de Frigsa, no Parque da Milagrosa, estableceuse un dispositivo de vixilancia e control para a ordenación dos postos legalizados. Durante o devandito dispositivo, os axentes detectaron a presenza de diversas persoas que se aproximaban ao lugar con varios vultos, presumiblemente con intención de tender sobre o chan mercadoría para a súa venda, polo que foron advertidos de que necesitarían autorización municipal para exercer tal actividade, a pesar do cal dúas destas persoas, aproveitando a estancia dos axentes noutro lugar do mercadillo, estenderon a mercadoría sobre a calzada, chegando a utilizar varios bancos, tratándose a maioría de roupa para a súa venda, polo que foron identificadas e denunciadas por infracción á Ordenanza Reguladora dos Espazos Dedicados á Venda Ambulante.

Pintadas en vía pública

Ás 21’15 horas do venres, a Sala do 092 recibiu información telefónica sobre un grupo de cinco mozos realizando pintadas nas fachadas dos edificios da rúa Clérigos, polo que se destacou ao lugar tres indicativos da Unidade Territorial de Policía de Barrio, que proceden á localización de cinco novos que coinciden coa descrición, portando un deles unha bolsa con dous botes de espray, de cor coincidente co das pintadas recentes que presentan as columnas de pedra dun edificio próximo, polo que se procede á súa identificación e posta de coñecemento dos proxenitores, ao tratarse todos eles de menores de idade.

Incautación de arma branca

Ás 18’00 horas do domingo, unha patrulla de Policía de Barrio que realiza patrulla preventiva observa a presenza de varios mozos no interior dun turismo estacionado, cos portelos abertos e que desprende forte cheiro ao que poderían ser substancias estupefacientes, polo que proceden á súa identificación e cacheo, durante o cal proceden á intervención dunha arma prohibida, tratándose dunha navalla, de 10 centímetros de folla, con puño americano; motivo polo cal o seu portador foi denunciado por unha infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá.

Auxilio a cidadán lesionado

Ás 12’15 horas do domingo, un indicativo de Policía de Barrio é requirido por un cidadán, que lles informa dunha persoa maior que se caeu nas inmediacións da Estación de Autobuses, polo que se trasladan de inmediato ao lugar, onde atopan ao home, de 78 anos de idade, cunha ferida sanguenta na cara, manifestando marearse cando camiñaba pola rúa. Foi solicitada unha ambulancia do 061, que prestou unha primeira asistencia e posteriormente trasladouno ao HULA. Os axentes procederon á limpeza do sangue que quedara na beirarrúa con material facilitado por un hostaleiro da zona.

Rifa familiar

O sábado, ás 12’40 horas, a Sala do 092 recibiu información sobre unha rifa familiar nun domicilio da rúa Primavera, achándose unha persoa sangrando pola cara, polo que se comisionaron no lugar varios indicativos de Policía de Barrio. Unha vez no lugar, os axentes comprobaron que se trataba dunha discusión entre dous curmáns, durante a cal un deles pechara unha porta con forza, o que motivou que rompesen os cristais da mesma, alcanzando á muller na cara e causándolle feridas superficiais, aínda que ambos coincidiron en que non existira agresión nin intención de causarse danos.

Multimedia

  • Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas